A pomba viaxeira[Cómpre referencia] (Ectopistes migratorius) era unha ave pertencente á familia dos colúmbidos.

Características

editar

As pombas viaxeiras eran semellantes ós pombos, mais algo maiores e de cola máis larga. Tense citado que a especie era moi veloz en voo, chegando acadar os 160 km/h. Aínda que a velocidade habitual estaría ó redor dos 100 km/h[2]. Formaban enormes bandadas de miles e incluso millóns de individuos. Alexander Wilson, no 1810, contou un que na súa opinión tiña varios millóns de individuos que se desprazaban a unha velocidade de noventa quilómetros por hora. Estas bandadas migraban de xeito regular, volvendo no inverno ós seus durmidoiros, onde eran cazadas polos nativos dende séculos atrás. A especie era nativa de América do Norte, e semella que era especialmente habitual na costa leste dos actuais Estados Unidos. Mais durante as migracións dirixíanse ó sur chegando ata México e incluso Cuba[2].

Parece ser que criaban en colonias de milleiros de individuos e que cada posta consistía nun único ovo. Os niños sitúabanse no alto dunha árbore. Como as pombas actuais, os polos eran alimentados co leite do papo[2].

Extinción

editar

Coa chegada dos occidentais, a caza incrementouse de formar indiscriminada. O ornitólogo Audubon contaba como as pombas eran cazadas no seus durmidoiros de maneira masiva, desperdiciando moitos dos exemplares mortos que eran abandonados ou deixados como alimento dos animais domésticos.

As colonias de cría eran enormes e cubrían varios quilómetros cadrados. Os polos, ricos en graxa, eran cazados para salgar ou comer frescos. M. Edey citaba como dende Pensilvania ata Nova York e Wisconsin, se cazaban milleiros de polos para alimento das poboacións locais ou para o comercio. Moitos dos exemplares capturados eran transportados en tren ás grandes cidades da costa leste dos Estados Unidos, sendo un produto de baixo custo pola abundancia da especie[2]. Para o 1878 case todas as pombas que sobrevivían criaban nunha colonia de Míchigan. No 1890 apenas quedaban varios centos de exemplares. No 1900 xa non existían exemplares salvaxes e só existían individuos en zoolóxicos. No 1908 quedaban sete exemplares e no 1910 tan só unha, de nome Martha, que morreu no zoo de Cincinnati o un de setembro de 1914 e que hoxe se conserva disecada no Smithsonian Institution de Washington. Hoxe en día restos das plumas, pel e exemplares disecados atópanse ó longo do mundo en coleccións privadas, citándose ó redor duns 1.500 exemplares conservados[2].

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar