Pantalla de plasma

A pantalla de plasma é un tipo de pantalla plana utilizada para aplicacións de vídeo e televisión, e orixinalmente en informática, que se emprega especialmente en televisores grandes, de 37 a 70 polgadas, aínda que tamén se pode utilizar noutros máis pequenos.

Funcionamento

editar

A pantalla de plasma moderna consta de millóns de celas diminutas, denominadas pixeles, situadas entre dous paneis de cristal que contén unha mestura dos gases nobres neon e xenon a baixa presión. Unha substancia fosforescente recobre cada unha desas celas e cando os átomos individuais deses gases se ioinizan pola existencia dun campo eléctrico intenso se converte automaticamente en plasma que á súa vez emite luz ao ser ionizada que reflicte nas celas, cada unha delas divídese en tres subcelas que están recubertas por unha substancia fosforescente de cor diferente, unha vermella, outra verde e outra azul que se mesturan dentro de cada cela creando unha gama de cores, ao variaren os pulsos de corrente en cada subcela modifícase a intensidade da cor, o que lle permite abranguer todas as cores do espectro.

Desenvolvemento

editar
 
Monitor de plasma nun PLATO V (1981).

Donald Bitzer, Gene Slottow e Robert Wilson da Universidade de Illinois crearon en 1964 a pantalla de plasma para o sistema informático PLATO (Programmed Logic for Automated Teaching Operations), estes monitores eran monocromos (laranxa, verde ou amarelo), caracterizábanse pola súa dureza e por poder actualizar a imaxe sen necesidade de circuítos nin memorias pero a finais da década de 1970 as memorias dos semicondutores fixeron ás pantallas CRT máis baratas. En 1997, Pioneer comezou a venda do primeiro televisor de plasma ao público e outras compañías seguiron os seus pasos, facéndose cunha importante parte do mercado, copando o mercado dos televisores grandes ata 2006 en favor das pantallas LCD,[1] progresión que continuou nos anos seguintes.[2]