Un palleiro é unha morea de palla, tamén chamado meda ou palleira. Tamén recibe o nome de palleira a estrutura, xeralmente un alpendre, destinada a gardar a herba enxoita e a leña para queimar, denominada neste caso tamén pallal, pallar, pallarega ou pallete. O palleiro é moi común na tradición agrícola galega que aínda hoxe constitúe un elemento de importancia xa non só agrícola senón tamén a modo de tradición cultural.

Palleiro na provincia da Coruña

Adoita ter forma de cono, cun pau ergueito pousado no chan e a palla mallada disposta ao seu redor. O lugar habitual dunha palleira é a eira, malia que non calquera terreo pode ser acondicionado. Por culpa de evitar a choiva, moitas veces a palla é cuberta cun plástico protector que polo xeral é unha peza única de cor negra. Cínguese arredor da palla con cordeis, pedras que o asenten no chan ou outros trebellos similares.

Etnoloxía

editar

O palleiro formaba parte da vida agrícola. En Galicia o can autóctono recibe o nome de can de palleiro porque adoitaba durmir nas construcións destinadas a gardar a palla. Ao fillo ilexítimo ou natural tamén se lle coñece coma fillo de palleiro. O refraneiro galego está cheo de frases con este termo:

  • Non quedar can tras palleiro, en sentido metafórico dá a entender que nada se deixou esquecido, que se rexistrou e todo está comprobado polo miúdo.
  • Pódeste ir p'rao palleiro, díselle ao cativo que leva un bo anaco de pan ou á persoa maior que comeu até fartar.
  • Vaste p'rao palleiro?, díselle tamén á persoa que ao servirse a carne, escolle a que ten máis ósos por ser a que máis gosta.
  • Palleiro sen palla non se fai, dise dunha persoa pouco curiosa no seu traballo, que o fai a eito. Tamén se di da persoa grosa que come demais a xeito de xustificación.

Outras frases:

  • Cando se acende o palleiro, arde máis axiña o vello.
  • De palleiro que se queima faíscas saen.
  • Mete o 'pidincheiro' no teu palleiro, e faráseche o teu herdeiro.
  • No palleiro, ben dorme o que anda ao 'vintimperio'.
  • No palleiro, non fagas lume nin co esqueiro.
  • O palleiro vello arde máis axiña.
  • O palleiro vello, cando se acende, malo é de apagar.
  • O vello palleiro, cando se acende, arde todo enteiro.
  • Pallas ao palleiro, galiñas ao galiñeiro.
  • Pallas ao palleiro, vellas ao fiadeiro.
  • Palleiro sen palla non se pode facer.
  • Palleiro vello, logo se acende.
  • Palleiro vello, logo se queima.
  • Se metes ao ruín no teu palleiro, xa verás como queda de teu herdeiro.
  • Ti enche o palleiro, de palla ou palloeiro.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar