Osudy dobrého vojáka Švejka za světové války

Osudy dobrého vojáka Švejka za světové války (en checo "As funestas aventuras do bo soldado Švejk durante a Guerra Mundial"), é unha novela satírica de Jaroslav Hašek, que deixou inacabada ao morrer en 1923. Adoita ser publicada con ilustracións de Josef Lada e George Grosz. A intención do autor era completar 6 volumes, pero morreu cando estaba a escribir o cuarto.

Osudy dobrého vojáka Švejka za světové války
Título orixinalOsudy dobrého vojáka Švejka za světové války, Die Abenteuer des braven Soldaten Schwejk, The Good Soldier Švejk, La travivaĵoj de la brava soldato Ŝvejk dum la mondmilito, El buen soldado Švejk, Le Brave Soldat Chvéïk, Il buon soldato Sc'vèik, De lotgevallen van de brave soldaat Švejk e O Bom Soldado Švejk
Autor/aJaroslav Hašek
Ilustrador/aJosef Lada
OrixeChecoslovaquia
Linguacheco
Tema(s)Primeira guerra mundial
Xénero(s)Novela
EditorialA. Synek Publishers
Data de pub.1923
Páxinas752
Na rede
BNE: XX2051059
editar datos en Wikidata ]
Escultura do soldado Švejk en Humenné (Eslovaquia).

Temática

editar

A novela está ambientada no exército do Imperio Austrohúngaro durante a primeira guerra mundial, con múltiples conflitos entre as diferentes etnias dos soldados. Dos quince millóns de falecidos na contenda, un millón eran austrohúngaros, dos cales arredor de 140.000 eran checos.

Jaroslav Hašek participou na guerra, e moitas das situacións e dos personaxes son inspirados, polo menos en boa parte, nas súas propias vivencias no 91 Rexemento de Infantaría. Con todo, a novela pode considerarse antibelicista, con moitos episodios absurdos que falan tanto do sinsentido da guerra como da inutilidade dos conflitos sobre a disciplina militar. Boa parte dos personaxes checos non entenden o seu papel no exército dun estado co que non se senten identificados e ao que non deben lealdade.

Este tema aparece desenvolto a través do personaxe de Josef Švejk. A través dunha idiotez ou incompetencia posiblemente finxida, enfróntase á frustración da autoridade militar, e a súa estupidez aparece reflectida como un método de resistencia pasiva. Non se sabe se Švejk é xenuinamente incompetente, ou se actúa deliberadamente coma un parvo insolente. Os episodios absurdos acadan o clímax cando Švejk, vestido cun uniforme do exército Ruso, é feito prisioneiro por erro pola súa propia tropa.

Amais de satirizar o absurdo da autoridade durante o réxime dos Habsburgo, critícase fortemente a corrupción e a hipocrisía dos sacerdotes da Igrexa Católica, sen deixar de lado as críticas aos xudeus e aos popes da Igrexa Ortodoxa.

A historia comeza en Praga coa noticia do asasinato de Saraxevo, que deu pé á primeira guerra mundial. Švejk amósase tan entusiasmado por poder ir á fronte para servir ao Emperador Austríaco que ninguén é quen de saber se simplemente é imbécil ou se realmente está posuído polo espírito bélico. Como for, é arrestado pola policía secreta logo dunhas manifestacións feitas nunha taberna. Logo de certificarse que está tolo, é enviado a un manicomio, de onde é expulsado.

Švejk dille á súa asistenta que o leve na cadeira de rodas (dado que ten reumatismo) á oficina de recrutamento de Praga, de onde o levan a un hospital onde están os que finxen unha enfermidade para evitar o exército. Finalmente únese como asistente do capelán castrense Otto Katz, pero logo dunha partida de cartas, pasa a servir ao subtenente Lukáš. Lukáš é destinado co seu batallón a České Budějovice, no sur de Bohemia, para prepararse de cara á fronte. Logo de perder o tren a Budějovice, Švejk comeza unha longa anábase a pé arredor de Bohemia do Sur coa intención de dirixirse cara a Budějovice, antes de ser arrestado como posible espía e desertor (cargos que nega) e ser devolto con escolta ao seu rexemento. Nese momento é ascendido a ordenanza da súa compañía.

A unidade embarca nunha longa viaxe en tren a través de Galitsia e a Fronte do Leste. Švejk é arrestado de novo durante unha parada nunha vila entre Austria e Hungría, desta volta por un balbordo cun cidadán húngaro nunha pelexa na rúa. Antes de chegar á fronte, Švejk é feito prisioneiro por unha compañía austríaca ao ser tomado por un desertor ruso, logo de poñerse un uniforme do exército ruso abandonado á beira dun lago. Logo de evitar por pouco que o executen, regresa á súa unidade.

A novela remata abruptamente, sen que Švejk participe en combate algún nin se achegue ás trincheiras. Pénsase que a intención de Hašek era continuar a trama nun campo de prisioneiros de guerra, onde el mesmo estivera recluído.

O libro inclúe un montón de anécdotas contadas polo propio Švejk, xeralmente para desvirtuar ou insultar polo baixo as figuras autoritarias, que non están directamente relacionadas coa trama principal.

Personaxes

editar

Os personaxes da obra adoitan ser o obxectivo das mofas de Hašek, ou ben os estereotipos sociais e étnicos do Imperio Austrohúngaro. O pobo adoita distinguirse polo dialecto e rexistro sociolingüístico do checo ou alemán que empregan, unha cualidade difícil de traducir. Por exemplo, moitos dos personaxes que falan alemán ou polaco aparecen falando comicamente ou cun checo con erros, e hai personaxes checos que falan o alemán mal. Tamén aparecen moitas expresións propias de diferentes argots.

Moitos dos personaxes semellan estar baseados, polo menos en parte, en persoas reais que serviron co Rexemento de Infantaría no que estivo Hašek como voluntario durante un ano.

Josef Švejk
O heroe da novela: na súa vida civil traballa traficando con cans.
Palivec
O patrón malfalado do pub que frecuenta Švejk, o "U Kalicha", na rúa Na Bojišti de Praga. Palivec é detido por Bretschneider logo de dicir que unha mosca cagara sobre o retrato de Francisco Xosé I de Austria existente no pub.
Bretschneider
Axente da policía secreta do goberno austrohúngaro, que vixía a Švejk e outras persoas para intentar incriminalos por facer manifestacións en contra da monarquía. Logo de comprar varios animais a Švejk para intentar incriminalo, é devorado polos seus propios cans.
Slavík
funcionario de prisións cruel e corrupto.
Capelán Otto Katz
Katz é un capelán do exército que gusta de beber, especialmente viño da comuñón, e dos xogos de azar. Católico converso, moitos dos seus aspectos son unha especie de caricatura antisemita. Švejk está contento servindo a Otto Katz, pero este perde os servizos nunha aposta ás cartas co tenente Lukáš.
Tenente Lukáš
comandante da compañía de Švejk, ao que ten que soportar durante moito tempo. Un checo de Bohemia do Sur e amante das mulleres, aparece retratado amablemente por Hašek[1]. Aínda que inicialmente os actos de Švejk levan a Lukáš a ser criticado na prensa húngara, logo da promoción de Švejk comeza a botalo de menos.
Coronel Friedrich Kraus von Zillergut
oficial austríaco idiota, que adoita dar aos seus colegas longas e estúpidas explicacións sobre obxectos (como termómetros e selos) e situacións do cotián. É atropelado por un coche ao tentar demostrar o que é o pavimento. O seu can é roubado por Švejk para darllo a Lukáš, e o coronel, furioso, ordena o traslado de Lukáš á fronte.
Capitán Sagner
Un dos axentes profesionais do rexemento e comandante durante a marcha do batallón Švejk. Un oficial de carreira ambicioso, que de novo fora nacionalista checo. Un Sagner capitán aparece no rexemento 91, onde foi comandante do batallón de Hašek.
Coronel Schröder
O malhumorado do rexemento de Švejk, é unha caricatura do típico oficial xermanofalante do exército austrohúngaro.
Jurajda
O cociñeiro espiritualista do batallón, antes do servizo militar editara un periódico ocultista. Pasa o tempo tentando evitar o servizo na primeira liña escribindo cartas á súa esposa.
Subtenente Dub
Profesor checo, oficial da reserva e comandante do terceiro batallón da compañía. Monárquico convencido a favor dos Habsburgo, é obxecto dalgunhas das máis feroces sátiras de Hašek. Aparece repetidamente en situacións humillantes, como borracho nun bordel ou caendo dun cabalo. En todas as linguas eslavas Dub significa "carballo", e é un sinónimo común para unha persoa parva, idiota). Seica está baseado no tenente da reserva Mechalek, que serviu no rexemento de Hašek.

Sarxento Vaněk: Un químico de Kralupy nad Vltavou na vida civil, que quere levar a situación dun modo cómodo e sen preocupacións, preocupándose de facer a súa existencia o máis confortable posible.

Voluntario Marek
O carácter do voluntario dun ano Marek é en certo modo un autorretrato do autor. Os dous foron despedidos da editora dunha revista de historia natural, despois de escribir artigos sobre animais imaxinarios. É nomeado historiador do batallón por Sagner, e ocúpase coa elaboración anticipada de mortes memorábeis e heroicas dos seus colegas.
Vodička
Amigo de Švejk, cun odio extremo polos húngaros, o que os leva a un incidente infeliz en Brucker an der Leitha.
Cadete Biegler
Biegler é un oficial novo con pretensións de nobreza, a pesar de proceder da clase media. Biegler toma os seus deberes militares tan en serio que é ridiculizado ata polos seus oficiais superiores. É hospitalizado por erro como portador do xerme do cólera por un erro na diagnose por mor dunha resaca de coñac inducida.
Capitán Tayrle
Axudante de brigada, exemplo particularmente repugnante dun oficial de gabinete, cuxos intereses parecen estar principalmente en facer bromas groseiras e relacionarse coas prostitutas locais.
Xeneral Fink von Finkenstein
Un aristócrata, vicioso e medio tolo, oficial austríaco xa maior e comandante da gornición da fortaleza Przemyśl. Fink trata aos seus homes con extrema brutalidade. Quere executar a Švejk logo de ser feito prisioneiro polo seu propio exército.
Capelán Martinec
Capelán atormentado, que bebe por dúbidas espirituais, cuxa intento de ofrecer consolo espiritual para Švejk termina en desastre.
"Sarxento Teveles"
Un home en posesión dunha Medalla de prata ao Mérito Militar, adquiridos a un bosníaco, que se fai pasar por un tal sarxento Teveles, que desaparecera coa 6ª Compañía durante a batalla de Belgrado.
Baloun
Un muiñeiro de Český Krumlov na vida civil, e sucesor de Svejk como axudante de Lukáš, é un comellón, castigado regularmente por roubar comida de Lukáš. Cando non hai outra cousa, como o que sexa.

Legado na literatura

editar

Boa parte da crítica considera esta obra como a primeira novela antibelicista, anterior a Im Westen nichts Neues de Erich Maria Remarque. Joseph Heller dixo que de non ler con anterioridade esta novela, nunca escribiría Catch-22. Tamén inspirou a Bertolt Brecht á hora de escribir a súa obra de teatro Schweik in the Second World War.

  1. Os rexistros do auténtico Rexemento 91 amosan un Tenente Rudolf Lukáš na época en que Hašek serviu, ao que o escritor admiraba e co que compartía poemas.
    Parrott, C.: "Introduction" to The Good Soldier Svejk, Penguin, 1974, p.xi (en inglés).

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar