O Orfeón Lucense é unha agrupación coral afeccionada e sen ánimo de lucro fundada en 1982 na cidade de Lugo polo sacerdote e compositor Xosé Castiñeira Pardo, mestre de capela da Catedral lucense. Desde 2009, o seu director é Xesús Mato.

O Orfeón Lucense ten como antecedente a agrupación do mesmo nome fundada en 1879 polo ilustre compositor Xoán Montes, que a dirixiu até a súa morte (1899). A súa entidade de coro titular da Catedral explica o peso da música sacra no repertorio da agrupación, sen por iso desatender a música profana e en especial a música coral galega, manténdose así a fidelidade aos principios fundacionais recollidos nos primeiros estatutos da autodefinida como Sociedade Artístico-Musical Orfeón Lucense, que datan de 1984, e en cuxo artigo segundo se enumeran como Fins da Asociación os seguintes:

  • Proxectar e organizar todo tipo de actividades culturais que poidan contribuír á formación artístico-musical dos seus asociados.
  • Promover o estudo e coñecemento da música antiga e moderna mediante conferencias, audicións, vídeos, cursiños, excursións etc.
  • Axudar e fomentar, con todos os medios ao seu alcance, o coñecemento e procura da nosa música popular, cunha especial referencia á galega e á da nosa provincia en particular.
  • Creación e formación dun Grupo Coral que de modo práctico dea a coñecer as obras musicais dos grandes autores do pasado e modernos.
  • Traballar en orde á creación dun Fondo económico que poida axudar á celebración de concertos, concursos e promoción de persoas musicalmente dotadas e vocacionadas.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar