O fracaso de Clayton

novela de Darío Álvarez Blázquez

O fracaso de Clayton é unha novela policíaca de Darío Álvarez Blázquez, publicada orixinalmente en lingua castelá (El fracaso de Clayton) na colección Letras da Revista Literaria Popular, en Zaragoza en 1939. É a segunda obra publicada baixo o pseudónimo de Dr. Lázaro Evia, anagrama de Darío Álvarez, despois de A las cinco en punto.

O fracaso de Clayton
Título orixinalEl fracaso de Clayton
Autor/aDarío Álvarez Blázquez
OrixeGaliza
LinguaCastelán
ColecciónLetras
Xénero(s)Novela negra
EditorialRevista Literaria Popular
Data de pub.1939
Formatoedición rústica cosida a fío
Precedido porA las cinco en punto
TraduciónMaría Dolores Cabrera
editar datos en Wikidata ]

TramaEditar

O doutor Lázaro Evia vai ao castelo de Bruniwng, convidado polo conde James Reingeng. Convidados polo anfitrión, están tamén outros membros da nobreza, que despois de pasaren o verán na costa, descansan indo de caza, xogando aos naipes e departindo. No segundo día de estancia, tras escoitarse un disparo no primeiro andar aparece o conde tirado no chan con sangue arredor. Gerard Kelly, cuñado do conde, baixa ao salón a avisar aos demais, pero ao regresaren ao corredor onde estaba o corpo, decátanse de que desapareceu.

Os nobres resolven non chamar a Scotland Yard para non dar mala publicidade. Lázaro Evia chama ao seu amigo o detective Henri Clayton para que resolva o caso, e ao sarxento de Bruniwng para poñer o caso en coñecemento das autoridades. Henri Clayton chega ao día seguinte ao castelo, e axiña comeza a pescudar entre os habitantes e a buscar pistas. Así, ven que a bala disparada é propia das armas Browning, e que hai un cuarto secreto a carón da estancia do doutor Evia. Tamén saben que andaron uns estraños pola vila, e que o vehículo do conde se moveu pola noite. Pero tralo recibo dunha carta para o detective convidándoo a deixar o caso, e tras unha pequena incursión á farmacia da vila, o detective sorprende a todos dicindo que non é quen de resolver o misterio. Lázaro Evia recibe unha carta meses despois, coa explicación do caso.

O presunto asasino fora o doutor Filgrein, para evitar que o conde casase coa súa sobriña. O doutor Filgrein, na construción da súa coartada, dixera que tomara salicilato sódico para tratar a reuma, pero na realidade tomara ioduro potásico, o que lle provocou inflamación dos xeonllos e febre, co cal, en teoría, estaba impedido para saír da súa cama. Ademais, o disparo estaba feito por un zurdo, e tal era o doutor Filgrein. Descóbrese tamén que o conde non morrera, senón que escapou. O doutor errou o tiro, dándolle nun brazo, e o conde escapou a través do cuarto secreto, consciente de que non podía contar que o seu futuro sogro fora quen lle disparase.

Seis meses despois, o conde reapareceu en Londres. A desaparición do conde achacouse á aparición de estraños, e finalmente o matrimonio levouse a cabo.

NarraciónEditar

A obra está narrada en primeira persoa, e conta con abundantes diálogos.