Movemento Ámsterdam-Pleyel

O Movemento Ámsterdam Pleyel foi un movemento pacifista contra a guerra e o fascismo, creado en 1933.

Historia editar

O 27 de maio de 1932, Henri Barbusse e Romain Rolland, escritores franceses, publicaron no xornal L'Humanité, de tendencia comunista, un chamamento para realizar un congreso «contra a guerra». Celebrouse en Ámsterdam o 27 e o 28 de agosto dese ano.

Do 4 ao 6 de xuño do ano seguinte, tivo lugar na Sala Pleyel de París un segundo congreso «contra o fascismo e a guerra», promovido tamén por Barbusse e Rolland. O cambio de nome dun congreso a outro tiña un importante significado. O de 1932 aludía á guerra e á agresión imperialista á URSS. Pola súa parte, o de 1933, celebrado poucos meses despois do ascenso de Hitler ao poder en Alemaña, xa se dirixía «contra o fascismo e a guerra». Destes dous congresos xurdiu o movemento Ámsterdam-Pleyel. Constituíronse en Francia diversos comités locais, o que supuña a primeira mobilización antifascista promovida polo Partido Comunista Francés (PCF).[1]

O Movemento agrupou partidos, organizacións e personalidades que se proclamaban pacifistas. Mobilizou numerosos intelectuais de esquerda franceses, como Paul Langevin, Albert Camus ou Maria Valtat, e tamén doutros países.

Henri Barbusse, o seu presidente, afiliado ao PCF desde 1923, mantiña relación directa con Stalin, por riba do PCF e da Komintern. Stalin considerábao o seu Gorki francés e estaba ao corrente das actividades do movemento.[1] «A dirección comunista, nunha operación á marxe formal dos seus partidos, situou por primeira vez o fascismo como inimigo principal, asociouno á guerra e impulsou unha incipiente mobilización unitaria antifascista (até entón só antiimperialista), limitada ao mundo intelectual e profesional».[1]

O maior éxito do movemento foi a celebración o 14 de xullo de 1935, Día Nacional de Francia, dunha gran manifestación antifascista. Participaron ao redor de cincuenta organizacións políticas (SFIO, PCF e PR), sindicais (CXT, CGTU) e cívicas (comités antifascistas, a liga de Defensa dos Dereitos do Home). Esta manifestación foi considerada o acto fundacional da Fronte Popular en Francia.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Martín Ramos, José Luis (2015). El Frente Popular. Victoria y derrota de la democracia en España. Barcelona: Pasado & Presente. pp. 32; 43. ISBN 978-84-944272-5-1.