Monxe, monxa

ocupación relixiosa, membro dunha orde relixiosa monástica

Monxe[1] (feminino: monxa)[2] provén do provenzal antigo monge, este do latín tardío monăchus, anacoreta, e este do grego μοναχός, único, só. Fai referencia a unha persoa adicada á vida monástica e de clausura.

Sofonisba Anguissola (1556)
Monxes copistas medievais
Monxes tibetanos

A tradición monástica está presente en varias relixións do mundo: budismo, xainismo, taoísmo, lamaísmo, cristianismo e anglicanismo. Os monxes residen en mosteiros e seguen unha vida de desapego aos bens materiais. Na Idade Media, os membros do clero, do cal os monxes formaban parte, eran os máis instruídos da época, xa que vivían enclausurados nos mosteiros, e tiñan moito tempo libre. Así, adicábanse a ler e copiar os libros das bibliotecas, motivo polo que tiñan unha preparación da que os labregos e viláns carecían.

Características comúns aos monxes de todas as relixións editar

  • A entrada no monacato vén despois dun tempo de preparación, que na tradición cristiá se chama noviciado: estudo, oración e réxime de vida que sirvan de preparación á vida monacal e tamén para probar a capacidade do candidato para esta vida.
  • É unha forma de vida estable. Como norma xeral, a persoa pasa toda a súa vida neste réxime monacal.
  • Implica unha vida de abstinencia sexual, que na tradición cristiá se denomina castidade. En xeral, porque se considera un obstáculo para o axeitado servizo relixioso.
  • É unha forma de vida austera. Non se considera que haxa bens propios, senón que todo é da comunidade. O que non quere dicir que, en determinadas épocas históricas, algúns mosteiros chegaran a ser institucións ricas e moi poderosas, como as grandes abadías europeas. Baste comparar, dentro de Galicia, o Mosteiro de San Martiño Pinario co convento dos franciscanos de Louro.
  • Viven en comunidade. Hai comunidades tanto femininas como masculinas. Pero como norma xeral, homes e mulleres forman comunidades separadas. O tamaño das comunidades pode ser moi variable, dependendo das zonas xeográficas e das épocas, desde uns poucos compoñentes ata mosteiros con centos de membros.
  • A comunidade ten unha estrutura xerárquica. Sempre hai un responsable (abade, prior, superior, mestre):
    • O sistema de selección do responsable pode ser por experiencia (o máis ancián), ou por considerarse a reencarnación dalgún gran mestre antigo (como no lamaísmo), aínda que o sistema máis habitual é o de elección democrática realizada polos membros da comunidade. O que converte a algunha comunidade monacal, como os monxes bieitos, nas máis antigas organizacións democráticas aínda en funcionamento. O cargo de goberno pode ser temporal ou vitalicio.
  • A ocupación principal da comunidade xira arredor da súa fe relixiosa. A oración tanto persoal como en comunidade, a contemplación, as celebracións litúrxicas segundo os preceptos e as festas de cada relixión, o estudo dos textos sagrados propios e dos autores teolóxicos máis senlleiros.
  • As comunidades tamén dedican algún tempo a atender as necesidades materiais. En xeral, os mosteiros tenden á autosuficiencia económica. Nuns casos, como no budismo, a principal fonte de ingresos proveñen das esmolas. Noutros casos, é algún tipo de actividade laboral que se pode realizar nas dependencias do mosteiro á que provén dos recursos económicos necesarios. Son famosas a repostería dalgúns mosteiros femininos ou as bebidas alcohólicas (licores, cervexa) dalgúns mosteiros masculinos. Pero tamén hai mosteiros que viven do teletraballo, de explotacións gandeiras ou agrícolas, dos servizos de hospedería ou, no caso de mosteiros de gran valor artístico, do turismo.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar


 
 Este artigo sobre relixión é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.