Para a ópera de Richard Wagner, véxase Die Meistersinger von Nürnberg.

Os mestres cantores (do alemán Meistersänger ou Meistersinger) foron certos músicos e poetas alemáns, principalmente pertencentes aos gremios de artesáns e comerciantes de clase media que prosperaron entre os séculos XIV e XVI. Continuaron as tradicións dos Minnesänger pertencentes á nobreza.

Hans Sachs, retrato en xilografía atribuído a Hans Brosamer e a Michael Ostendorfer, foi un destacado mestre cantor.

Estes gremios afeccionados xurdiron nas grandes cidades de Alemaña e distribuíronse por todo o país até o punto de que a maioría dos pobos tiña un. A súa principal actividade eran os concursos de canto que efectuaban mensualmente.

Cada gremio estaba organizado de modo xerárquico, desde o aprendiz (en alemán Schüler) e os Schulfreunde (que estaban pouco familiarizados coas regras da composición), pasando polos oficiais cantores (Sänger) e poetas (Dichter), até os Meister, que eran os que creaban as novas melodías.

Por mor das súas aspiracións educativas de arduo fomento da moralidade e as crenzas relixiosas, volvéronse un instrumento na proclama da mensaxe protestante durante a Reforma Protestante, aínda que a súa música non alcanzou a reputación de "distinguida". Aínda que o movemento dos mestres cantores desempeñou un papel importante na vida dos alemáns da clase media, tivo finalmente pouco valor literario e musical, dada a arbitrariedade das regras e a rixidez mecánica dos requisitos para a composición.

A forma poética que utilizaban coñécese tecnicamente como un Bar ou Gesetz, a melodía como Ton ou Weis. Todas as súas cancións interpretábanse sen acompañamento.

O mestre cantor máis famoso foi Hans Sachs (1494–1576), que dedicou a súa arte exclusivamente á causa luterana despois de 1530.

Na ópera Die Meistersinger von Nürnberg de Richard Wagner reflíctese fielmente o modo de vida deste colectivo.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar