Mater et Magistra

Mater et Magistra, Nai e Mestra, é unha encíclica que forma parte da Doutrina social da Igrexa. Foi publicada polo papa Xoán XXIII, o día 15 de maio de 1961, para conmemorar os setenta anos da publicación da Rerum Novarum de León XIII.

Xoán XXIII publicou a encíclica Mater et Magistra o 15 de maio de 1961.

É a primeira encíclica social que aborda este tema desde unha perspectiva máis universal, porque ata ese momento os papas centrábanse máis na situación en Europa e, en xeral, no mundo occidental.

Proceso de elaboración da encíclica editar

Coma en moitos casos, o Vaticano non é excesivamente transparente sobre o proceso de creación dun documento destas características. Pero polos testemuños recollidos, pódese supoñer que o proceso foi, máis ou menos, deste xeito[1]:

  • Nun primeiro momento, Xoán XXIII encárgalle un borrador ao equipo de teólogos alemáns que colaboraban habitualmente con Pío XII.
  • Como considera o borrador demasiado doutrinario e abstracto, Xoán XXIII encarga un novo borrador a un equipo de teólogos franceses e italianos, que sexa máis pastoral e achegado á realidade.
  • Un último equipo de colaboradores, máis restrinxido, realiza as últimas correccións e deixa o documento preparado para que o Papa redacte a versión definitiva.

Obxectivo e estrutura da encíclica editar

O propio subtítulo deixa claro o seu obxectivo:

sobre o recente desenvolvemento da cuestión social á luz da doutrina cristiá

O papa reformador quere actualizar e pór ao día a doutrina social e facela próxima á sociedade do seu tempo.

Estrutura:

  • Comezo da Doutrina social desde a Rerum Novarum (números 10-45).
  • Desenvolve esta ensinanza en cinco grandes puntos (51-121)[2]:
    • A actividade económica debe harmonizar iniciativa privada e poder público (51-58).
    • A socialización como característica do noso tempo (59-67), (hoxe chamaríamolo globalización).
    • A xusta distribución do produto social, o salario (68-81).
    • A participación e as relacións capital-traballo (82-103).
    • A propiedade: a súa función social e a necesaria redistribución (104-121).
  • Universalización da cuestión social (122-211).
  • Proposta de novas relacións de convivencia (212-264).

Novidades da encíclica editar

Mater et Magistra aporta novidades con respecto ás encíclicas anteriores: o concepto de ben común ou a nova visión sobre a propiedade privada. Aínda que hai que advertir que parte destas novidades son un desenvolvemento de ideas que xa apuntara Pío XII nos seus radiomensaxes de contido político e social.

O ben común editar

Unha das achegas máis propias da encíclica é a súa definición dun dos principios da doutrina social da Igrexa, o ben común. Unha definición que se converteu en clásica:

MM 65. (...) faise necesario (...) que os gobernantes profesen un san concepto do ben común. Este concepto abarca todo un conxunto de condicións sociais que permitan aos cidadáns o desenvolvemento expedito e pleno da súa propia perfección.

Notas editar

  1. Camacho, Ildefonso: doctrina social de la Iglesia, pax. 223
  2. Camacho, Ildefonso: doctrina social de la Iglesia, pax. 222

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Camacho, Ildefonso (1991). doctrina social de la Iglesia (una aproximación histórica). Madrid: Ediciones Paulinas. p. 619. ISBN 84-285-1440-2. 
  • Sanz de Diego, Rafael (1997). Pensamiento Social Cristiano I. Madrid: Universidad Pontificia de Comillas. p. 549. ISBN 978-84-89708-15-0. 
  • Manual de Doctrina Social de la Iglesia. Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos. 1993. p. 852. ISBN 978-84-7914-113-4. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar