Ben común
O ben común é un concepto que, en xeral, pode ser entendido como aquilo que pode ser compartido e beneficioso para todos ou a maior parte dos membros dunha comunidade humana ou, dito doutro xeito, aquilo que se consegue grazas aos movementos cidadáns, a acción colectiva e a participación activa nos ámbitos da política e os servizos públicos. A súa interpretación é diferente dependendo da doutrina filosófica que o aplique.
Xa na antiga Grecia filósofos como Platón e Aristóteles analizaron o concepto. O segundo entendíao como aquilo que é da comunidade e accesible só para esta, compartido individualmente polos seus membros.[1] Ao longo da historia este concepto foise desenvolvendo grazas ás reflexións de diversos políticos, teóricos, filósofos e economistas, entre os que destacan Tomé de Aquino, Nicolás Maquiavelo, John Locke, Jean-Jacques Rousseau, James Madison, Adam Smith, Karl Marx, John Stuart Mill e John Rawls.
En teoría económica contemporánea considérase que un ben común é un recurso compartido non excluínte mentres que o ben común está máis relacionado coa economía do benestar. Este benestar pode estar relacionado cunha teoría moral do ben, como o utilitarismo. A teoría da elección social intenta entender os procesos a través dos que se pode acadar o ben común en sociedade, por medio do estudo de sistemas de toma de decisións colectivas. Por outra parte, a teoría da elección pública aplica metodoloxías microeconómicas co fin de explicar como os intereses privados afectan a actividade política e os resultados desta.
O concepto de ben común recibiu aproximacións diferentes desde os ámbitos filosófico, económico e social.
Aproximación filosófica
editarA través de diversas denominacións, o concepto de ben común empregouse de maneira recorrente ao longo da historia do pensamento político e filosófico. Aristóteles describíao como a idea do interese común (to koinei sympheron, en grego), a base para distinguir entre as institucións boas e as malas, que seguían o interese privado dun pequeno grupo de persoas.[2] Séculos máis tarde, Tomé de Aquino empregou o termo (bonum commune, en latín) para defender a finalidade da lei e do goberno,[3] e John Locke declarou que a paz, a seguridade e o benestar público das persoas son o obxectivo final da sociedade política, e máis adiante argumentou que o benestar de todos debería ser a lei suprema.[4] Pola súa parte, David Hume dicía que as convencións sociais eran adoptadas se servían ao interese público ou común.[5] James Madison escribiu que o ben público, común ou xeral estaba intimamente ligado á xustiza, que era a finalidade de calquera goberno e sociedade.[6] E Jean-Jacques Rousseau entendeu o termo (le bien commun, en francés) como o obxectivo final da sociedade e de todo goberno.[7]
A pesar de que estes pensadores diferiron significativamente sobre en que consistía o ben común, e de que xeito un goberno ou un Estado debería promovelo, todos concordaban en que se trataba do obxectivo final do goberno porque beneficiaba ao conxunto da cidadanía, e que ningún goberno debería caer na perversión dos intereses especiais ou particulares, definidos por Aristóteles como os intereses dos que mandan, por Locke como bens privados, por Madison e Hume como partes interesadas e por Rousseau como vontades particulares.
Aproximación económica
editar- Artigo principal: Economía do ben común.
En economía, os termos ben público e ben común teñen definicións técnicas diferenciadas. O primeiro é un ben que non ten rivalidade nin é excluínte, mentres que o segundo é sempre non excluínte. Esta sinxela tipoloxía ilustra as diferenzas entre diversas clases de bens:
Excluínte | Non excluínte | |
Con rivalidade | bens privados comida, roupa, automóbiles... |
recursos compartidos mandas de peixe, carbón... |
Sen rivalidade | bens compartidos cines, parques privados, televisión por satélite... |
bens públicos aire, ondas de radio... |
O campo da economía do benestar estuda o benestar da sociedade. A aproximación comeza coa especificación da función do benestar social, con frecuencia relacionada cunha teoría da ética. Un benestar social utilitario intenta que todos os individuos sexan tratados por igual, mentres que unha visión rawlsiana atenderá só ao benestar social necesario para os máis desfavorecidos.[8]
A teoría económica neoclásica ofrece dúas aproximacións contrarias á hora de reflexionar sobre a xénese do ben común. Unha delas defende que o ben común xorde por mor dos beneficios sociais obtidos coa cooperación entre individuos, como por exemplo no dilema do prisioneiro, que ensina como a cooperación pode acadar mellores resultados de benestar para todos, e como pode ser difícil de acadar. No lado contrario, a teoría económica clásica apunta aos beneficios resultantes da competición nun sistema de mercado. Adam Smith definiuno como a "man invisíbel", o mecanismo dun mercado que converte os intereses privados dos individuos en mellores para a sociedade.[9] Este punto de vista formalizouse no Primeiro Teorema da Economía do Benestar.
A pesar diso, a teoría económica tamén apunta aos fracasos do mercado, incluíndo a non provisión de bens públicos e o fracaso dos individuos á hora de internalizar as externalidades.[10] Por causa destes factores, o comportamento puramente motivado polos intereses persoais con frecuencia choca co ben común.[11]
Aproximación social
editarDesde este enfoque, o interese non se centra en individuos senón en comunidades ou sociedades. Por iso, considérase que non pode haber ben común se as sociedades non están integradas nin son estables (é dicir, sen que haxa cohesión social que faga eses sistemas sociais viables a longo prazo). Pero o que incrementa esa viabilidade social non ten necesariamente por que aumentar a utilidade individual ou o benestar de cada individuo.
Xa que logo, desde este punto de vista poderíase entender o ben común como a suma das condicións da vida social que permiten que os individuos elixan libremente a forma que queren darlle ás súas vidas. O propósito do Estado (entendido como a sociedade politicamente organizada) sería dotar os individuos dos medios para que poidan efectivamente levar a cabo esas eleccións.
Notas
editar- ↑ Dupré, Louis (05-08-2009). "The Common Good and the Open Society". The Review of Politics (55, 04): 687. doi:10.1017/S0034670500018052.
- ↑ Aristóteles. Política, Universidade de Santiago de Compostela, 2003. páx. 136-138.
- ↑ Lorenzo, Peña, (2001). "La Idea de Bien Común en la Filosofía Medieval y Renacentista.".
- ↑ Locke, John. Second Treatise of Government. pp. 131, 158.
- ↑ Hume, David (2005). A treatise of human nature. New York, N.Y.: Barnes & Noble. ISBN 0760771723.
- ↑ Publius. Federalist. pp. 10, 51.
- ↑ Rousseau, Jean-Jacques, (2012). Contrato social (14 ed.). Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 9788467036626.
- ↑ Roemer, John E. (1996). Theories of distributive justice. Cambridge, Mass: Harvard University Press. ISBN 9780674879201.
- ↑ Smith, Adam (2014). Investigacion de la naturaleza y causas de la riqueza de las naciones. Madrid: Ministerio de Economía y Competitividad. ISBN 9788492546091.
- ↑ Pigou, Arthur C. (2013). The economics of welfare (4ª ed.). Basingstoke: Palgrave Macmillan. ISBN 9781137375629.
- ↑ Axelrod, Robert M. (1986). La evolución de la cooperación : el dilema del prisionero y la teoría de juegos. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 9788420624747.