Marie Lavoisier

Marie-Anne Pierrette Paulze, coñecida como Marie Lavoisier, nada en Montbrison o 20 de xaneiro de 1758 e finada o 10 de febreiro de 1836, está considerada como "a nai da química moderna".[1] Marie Lavoisier foi frecuentemente mencionada no seu papel de esposa do científico Antoine Lavoisier, aínda que son menos difundidos os seus logros científicos na química.

Marie Lavoisier
David - Portrait of Monsieur Lavoisier and His Wife (cropped).jpg
Nacemento20 de xaneiro de 1758 e 1758
 Montbrison
Falecemento10 de febreiro de 1836 e 1836
 París
SoterradaCemiterio do Père-Lachaise
NacionalidadeFrancia
Ocupaciónquímica, pintora, ilustradora e tradutora
PaiJacques Paulze
CónxuxeAntoine Lavoisier e Benjamin Thompson
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Á idade de tres anos, quedou orfa de nai, Claudine Thoynet Paulze. O seu pai, Jacques Villee, avogado parlamentario e financeiro, enviouna a un convento onde recibiu a súa educación.[2][3] Con case catorce anos foi pedida en matrimonio polo Conde de Amerval, que a triplicaba en idade. O seu pai tentou oporse, pero foi ameazado con perder o seu emprego se rexeitaba, debido ao cal consultou cun dos seus colegas, se non estaría disposto a casar coa súa filla. Antoine Lavoisier tiña 28 anos, era nobre, avogado, economista e químico. Casaron o 16 de decembro de 1771.

En 1775 a parella mudouse a París, onde floreceu o interese de Lavoisier pola química. Pronto Marie comezou a involucrarse nas investigacións científicas do seu esposo e a participar activamente no traballo do laboratorio.[4] Antoine seguía traballando para Ferme-Générale pero fora designado como administrador da pólvora, no Arsenal de París. Coa seguridade económica que alcanzara estivo en condicións de construír un laboratorio.

A medida que o interese de Marie Anne avanzaba, recibiu instrución formal no campo de parte de Jean-Baptiste Bucquet e Philippe Gingembre, ambos os colegas de Antoine.[2] O matrimonio Lavoisier pasaban a maior parte do seu tempo xuntos no laboratorio, traballando en equipo, en varias direccións.

En maio de 1793, durante a Revolución francesa, xa na etapa do Reinado do Terror, Antoine foi acusado de traizón, debido á súa posición prominente na Ferme Générale. Coa mesma acusación, foi arrestado primeiro o pai de Marie-Anne e logo, o 28 de novembro, o propio Antoine, sendo recluído en Port-Libre. Durante a prisión do seu esposo, Marie-Anne visitábao regularmente e loitou por obter a súa liberdade. Ela mesma defendeuno ante Antoine Dupin, quen o denunciou, e quen tiña tamén o poder de salvalo. Marie-Anne apelou ás investigacións científicas que realizaban e a importancia que elas tiñan para Francia. As súas apelacións foron inútiles e Antoine foi finalmente axuizado e executado o 8 de maio de 1794 en París, cando tiña 50 anos.

Despois disto, Marie-Anne volveuse retraída. Todos os seus bens foron confiscados polo goberno revolucionario,[5] incluíndo os cadernos de notas e o laboratorio. A pesar diso, logrou reunir moita documentación que organizou e publicou como as Memorias de Química de Lavoisier, sentando as bases da química moderna.

O primeiro volume contén os traballos sobre a calor e a formación dos líquidos, mentres que o segundo está dedicado ás ideas sobre combustión, aire, calcinación de metais, acción dos ácidos, e a composición da auga. Na copia orixinal Marie-Anne escribiu o prefacio e atacou aos revolucionarios e contemporáneos de Antoine, a quen lles atribuía a responsabilidade pola súa morte. Este prefacio non foi finalmente incluído na publicación, pero o libro permitiu preservar as contribucións do seu marido e as súas propias no campo da química.

Algúns anos despois, Marie-Anne volveu casar, esta vez con Benjamin Thompson, Conde de Rumford. Rumford era un dos físicos máis coñecidos do seu tempo, pero a parella non logrou asentarse e terminaron separándose.[6]

Contribucións científicasEditar

Marie-Anne Lavoisier colaborou co seu marido Antoine no laboratorio, anotando observacións no libro de notas e debuxando diagramas dos seus deseños experimentais. Os estudos realizados co pintor Jacques-Louis David permitironlle debuxar con precisión os aparatos do laboratorio,[2] algo que finalmente resultou de gran utilidade para entender os métodos e resultados de Antoine. Madame Lavoisier tamén foi a organizadora e editora dos informes.

Conxuntamente, o matrimonio Lavoisier refixo o campo da química que, tiña os seus raíces na alquimia e se convertira nun saber dominado pola noción de floxisto difundido por Georg Stahl.[7] No século XVIII a idea do floxisto (un elemento similar ao lume que se libera durante a combustión) foi usada para describir as propiedades aparentes dos cambios que a materia experimentaba cando se queimaba. Debido ao seu dominio do inglés, latín e francés, Marie-Anne realizou traducións de varios traballos sobre o floxisto para que o seu esposo os puidera ler. Probablemente a súa tradución máis importante xa foi o Ensaio sobre Floxisto de Richard Kirwan, traducido e á vez criticado por Madame Lavoisier, con notas ao pé nas que puntualizou os erros químicos do traballo. Tamén traduciu obras de Joseph Priestley, Henry Cavendish e outros investigadores,[2] que resultaron nun aporte invalorable para Antoine. No caso do floxisto, foi a tradución de Marie-Anne a que o levou á convición de que a hipótese era incorrecta, e orientouno nos seus estudos sobre a combustión e o descubrimento do gas oxíxeno.

NotasEditar

  1. "Mme Lavoisier". mentazar.ddns.net. Consultado o 2021-03-14. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Barral, Xoana Pintos; Patiño, Manuel R. Bermejo (2008). "Marie Anne Pierrette Paulze: ilustrada ou científica". Boletín das ciencias 21 (66): 81–83. ISSN 0214-7807. 
  3. Oakes, Elizabeth H. (2001). Encyclopedia of world scientists. New York: Facts on File. ISBN 978-0-8160-4130-5. OCLC 43701668. 
  4. Bell, Madison Smartt (2005). Lavoisier in the year one : the birth of a new science in an age of revolution (1st ed ed.). New York: W.W. Norton. ISBN 978-0-393-05155-1. OCLC 57557426. 
  5. "Marie-Anne Pierrette Paulze-Lavoisier, la madre de la química moderna que lo perdió (casi) todo en la Revolución Francesa". Mujeres con ciencia (en castelán). 2019-10-03. Consultado o 2021-03-14. 
  6. Haines, Catharine M. C. (2001). International women in science : a biographical dictionary to 1950. Santa Barbara, Calif.: ABC-CLIO. ISBN 978-1-57607-559-3. OCLC 50174714. 
  7. "El Flogisto. Ascenso y caída de la primera gran teoría química - Revista Ciencias". www.revistacienciasunam.com. Consultado o 2021-03-14. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • SANCHIS, R. (2002), Gènere i ciència: Anne Marie Paulze, Madame Lavoisier (1758-1836), una dona en la revolució química, Alambí, IX (31), pp. 112–118.