Luis Jorge Rivera Herrera

activista ambiental de Porto Rico

Luís Jorge Rivera Herrera, nado en Porto Rico en 1972, é un activista ambiental boricua que recibiu o Premio Ambiental Goldman en 2016 polo seu labor de protección da Reserva Natural Corredor Ecolóxico do Nordés (CEN).[1]

Infotaula de personaLuis Jorge Rivera Herrera

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1972 Editar o valor em Wikidata (51/52 anos)
Porto Rico, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónecoloxista Editar o valor em Wikidata
Premios

Primeiros anos de vida e estudos universitarios editar

Luís Jorge Rivera Herrera viviu toda a súa vida en Porto Rico, naceu e medrou en Río Alto (barrio próximo a San Xoán). A súa determinación en contribuír activamente na protección do medio ambiente remóntase aos seus primeiros anos de vida, cando con tan só oito anos de idade presenciou como as escavadoras destruían a granxa que pertencera á súa familia desde había catro xeracións, pois o terreo fora expropiado polo Goberno de Porto Rico coa intención de construír unha depuradora, a Planta Rexional de Tratamento de Augas Sanitarias de Carolina.[2][3]

Nas súas propias palabras, “tomei a decisión de que cando fose grande ía estudar e a traballar en algo relacionado á protección do medio ambiente”, polo que estudou mantemento ambiental na Universidade de Porto Rico, Recinto de Río Piedras (UPRRP) e posteriormente cursou o máster de planificación ambiental na Escola de Planificación.[3]

Activismo ambiental editar

Desde a súa temperá concienciación aínda sendo neno, Luís Jorge Rivera Herrera estivo implicado na loita ambiental. Na universidade, organizaba visitas á Reserva Natural de Las Cabezas de San Juan. Despois de graduarse, traballou en San Xoán para a Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos. Posteriormente, cofundou unha organización chamada Iniciativa para un Desenvolvemento Sostible. A partir de 1999 até a actualidade, levou a cabo a súa contribución máis seguida polos medios de comunicación e significativa como activista, xogando un papel chave no liderado da campaña para a conservación do Corredor Ecolóxico do Nordés (CEN).[4]

Protección do Corredor Ecolóxico do Nordés editar

Importancia ecolóxica do Corredor editar

O Corredor é unha zona de recoñecido valor ecolóxico que á súa vez constitúe a franxa costeira do Bosque Nacional de El Yunque, na costa norte de Porto Rico. Nese delicado ecosistema de áreas húmidas e pantanosas, atópanse máis de 50 especies raras, ameazadas ou en perigo de extinción, moitas delas endémicas.[5] De especial relevancia resulta a tartaruga de coiro (en perigo de extinción), que atopa no Corredor a súa zona de aniñamento. En palabras do especialista Ariel Lugo, científico director do Instituto Internacional de Bosques Tropicais, “Os portorriqueños empezan a entender. Antes comiámolas, agora protexémolas porque representan a un tipo de biodiversidade que non che pertence a ti, perténcelle ao mundo”.[6]

Desenvolvemento e logros da campaña editar

A pesar de que o Corredor Ecolóxico do Nordés (CEN) fora proposto como reserva natural polos gobernos locais e federais desde 1978, e desde entón o Departamento de Recursos Naturais e Ambientais (DRNA) de Porto Rico recoñeceu a importancia ecolóxica do Corredor, en 1996 aprobouse o Plan de Turismo de la Costa Noreste de Desarrollo Conceptual, dividindo en zonas a área para permitir grandes desenvolvementos residenciais e turísticos e campos de golf.[7][8]

Non foi até 1999 que Luís Jorge Rivera Herrera tivo coñecemento dos dous megaresorts proxectados na zona, o Dos Mares e o San Miguel Four Seasons constituídos por máis de 3000 unidades residenciais e turísticas con 3 campos de golf.[2] O desenvolvemento destes proxectos implicaría a destrución irreparable da biodiversidade da zona, ademais de empeorar significativamente a grave situación de falta de auga. A todo iso, como consecuencia da privatización de terreos públicos, limitaríase o acceso público ás praias.[9]

Desde entón Luís Jorge Rivera Herrera implicouse activamente na loita para a protección do Corredor. Cando se deu conta de que o goberno non modificaría a súa postura a pesar do coñecemento dos datos científicos da importancia ambiental do Corredor, organizou unha campaña que combinaba a estratexia legal e a procura do apoio da cidadanía mediante a mediatización do tema. Neste último punto, é relevante a celebración anual do Festival do Tinglar, grazas ao que espertou o interese de moita xente até entón desinformada.[6] Tratábase de introducir o tema no debate público, mobilizando a opinión pública en apoio da causa, para exercer presión política.

En realidade, non foi até o ano 2005 que a campaña cobrou un verdadeiro impulso. Entón estableceuse un capítulo do Sierra Club en Porto Rico e reforzouse a colaboración con outros grupos locais, como asociacións de pescadores e organizacións ambientais.[2] O Sierra Club contribuíu enormemente á capacidade organizativa e ao deseño estratéxico da campaña. Ademais, en 2004 forxouse a Coalición pro Corredor Ecológico del Noreste, cuxos principais obxectivos eran a designación do CEN como reserva natural e o impulso do ecoturismo ou turismo de natureza.[8] Por iso, presentouse un proxecto de lei para que todo o Corredor fose declarado reserva natural. Este proxecto de lei foi bloqueado por algúns senadores, sendo un deles posteriormente acusado de corrupción e suborno, escándalo que revertería nun clamor popular de apoio á Coalición pro CEN. Finalmente en abril de 2008, o gobernador Aníbal Acevedo Vilá aprobou un decreto que declaraba o Corredor reserva natural. Con todo, en novembro do mesmo ano celebráronse eleccións e o gobernador electo foi Luís Fortuño (o único candidato que non asinara un compromiso respecto da protección da reserva). Ademais, os desenvolvedores dos megaresorts colaboraran significativamente na campaña e no seu programa electoral figuraba a reactivación da economía mediante a creación de empregos na construción. En consecuencia, en outubro de 2009, o gobernador Fortuño reverteu o decreto. A pesar diso, posteriormente presentouse novamente un proxecto de lei que Fortuño viuse forzado a aceptar a causa do grande apoio popular nun contexto preelectoral. Finalmente, en 2013, o novo gobernador electo Alejandro García Padilla expandiu a área da reserva natural coa inclusión de terreos privados.[5]

Premio Ambiental Goldman editar

Luís Jorge Rivera Herrera foi galardoado en 2016 co Premio Ambiental Goldman na categoría “illas e nacións insulares” en tanto que “axudou a liderar unha exitosa campaña para o establecemento dunha reserva natural no Corredor Ecolóxico de Porto Rico, unha zona de aniñamento para a tartaruga de coiro que está en perigo de extinción, e para a protección do patrimonio natural da illa contra os proxectos daniños de desenvolvemento”.[5]

Recibe o premio, tamén coñecido como premio Nobel Verde, tras case 20 anos de loita. Así como declara o activista, “este recoñecemento valida o esforzo de moitísimas persoas”, en referencia non tan só á Coalición pro CEN e ao Sierra Club, senón tamén á axuda recibida da Clínica de Asistencia Legal da Escola de Dereito da UPRRP, a Facultade de Ciencias Naturais, a Escola de Arquitectura da UPR, a Universidade Interamericana e a Universidade Metropolitana de Porto Rico. Ademais, o activista puntualiza que a ciencia deu a base, o dereito forzou a intervención noutras esferas do goberno, pero foi realmente a participación cidadá a que fixo que esas dúas ferramentas cobrasen forza”.[3]

Respecto da administración monetaria do premio, $175 mil serán destinados a apoiar aos proxectos do CEN e a organizacións ambientais en Porto Rico. A todo iso, Rivera Herrera está a preparar unha campaña de recadación de fondos para colaborar na compra do goberno dos terreos privados restantes no Corredor. Ao mesmo tempo, preténdese estimular a participación cidadá para que se desenvolva o ecoturismo na zona, pois isto contribuiría ao financiamento das iniciativas de protección da biodiversidade e natureza á vez que revitalizaría a economía local.[5]

Rivera Herrera é o terceiro portorriqueño premiado, sendo os seus antecesores Alexis Massoi, pola súa loita no Bosque del Pueblo en Adjuntas, e Rosa Hilda Ramos, activista na conservación da zona húmida Las Cucharillas en Cataño.[3]

Notas editar

  1. "Boricua reconocido como uno de seis ganadores del Premio Ambiental Goldman 2016". Univision noticias. 18 de abril de 2016. Consultado o 14 de agosto de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Q&A with Luis Jorge Rivera Herrera". Goldman Prize. 7 de xuño de 2016. Consultado o 14 de agosto de 2016. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Luis Jorge Rivera y su lucha por el ambiente". Diálogo UPR. 7 de maio de 2016. Consultado o 1 de maio de 2021. 
  4. Mark, Jason (15 de abril de 2016). "Sierra Club Member from Puerto Rico Awarded with Prestigious Goldman Environmental Prize". Sierra Club. Consultado o 14 de agosto de 2016. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Luis Jorge Rivera Herrera 2016 Goldman Prize Recipient Islands and Island Nations". The Goldman Enviromental Prize. Consultado o 16 de agosto de 2016. 
  6. 6,0 6,1 "Galardonado del 2016 Goldman Environmental Prize para las islas y naciones isleñas". The Goldman Environmental Prize. 19 de abril de 2016. Consultado o 16 de agosto de 2016. 
  7. "Historia el Corredor". Coalición pro CEN. Consultado o 16 de agosto de 2016. 
  8. 8,0 8,1 "Historia de la campaña de la Reserva del Corredor Ecológico del Noreste". Sierra Club. Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2022. Consultado o 16 de agosto de 2016. 
  9. "Amenazas y presiones de desarrollo". Coalición pro CEN. Consultado o 16 de agosto de 2016.