Lockheed Constellation

O Lockheed Constellation foi un avión de pasaxeiros estadounidense moi popular durante os anos 50. Realizou o seu primeiro voo o 9 de xaneiro de 1943 como transporte militar baixo a denominación C-69, ao ser requisados os primeiros avións fabricados polos militares debido á segunda guerra mundial.

Lockheed Constellation
Un C-69, a versión militar do Constellation
Tipopasaxeiros e transporte
FabricanteLockheed
Primeiro voo9 de xaneiro de 1943
Introducido1943 coa USAAF
1945 coa TWA
Retiradoanos 90
Produción1943 - 1958
Unidades construídas856
VariantesL-049 Constellation
C-69 Constellation
L-649 Constellation
L-749 Constellation
L-1049 Super Constellation
C-121/R7V Constellation
R7V-2/YC-121F Constellation
EC-121 Warning Star
L-1649A Starliner

Deseño editar

O Constellation foi deseñado polo enxeñeiro de Lockheed Kelly Johnson, aínda que estaba baseado nun deseño semellante mercado ao construtor británico Fairey. A Lockheed construíuno segundo especificacións da aeroliña TWA, que nese tempo era propiedade do famoso Howard Hughes.

A segunda guerra mundial comezou para os Estados Unidos antes de que o prototipo fixese o seu primeiro voo, e os primeiros aparatos en saír da factoría foron requisados e entregados á USAAF, que os usou coa denominación C-69. O primeiro prototipo seguiu lucindo as cores da TWA con motivos publicitarios, a pesar de pertencer aos militares, e foi usado por Hughes para bater unha marca de voo transcontinental en 1944.

A súa primeira versión civil, o L-049 Constellation, entrou en servizo en 1946, despois de rematada a guerra, coas aeroliñas estadounidenses TWA, que financiou gran parte do seu desenvolvemento, e Pan Am, a cal realizou os primeiros servizos transatlánticos co Constellation. Este modelo inicial tiña unha capacidade de entre 43 e 60 pasaxeiros. Versións posteriores, o L-649 e o L-749, tiveron unha capacidade de pasaxe, unha potencia e unha autonomía maiores, e a partir delas desenvolveuse o L-1049 Super Constellation.

O Super Constellation tiña unha fuselaxe máis longa e o seu prototipo (o mesmo prototipo do C-69 transformado) realizou o seu primeiro voo o 13 de outubro de 1950. Entrou en servizo en 1951 coa aeroliña Easter Airlines. Desta variante tamén foron xurdindo novas versións entre as que destacaron a L-1049G Super G con novos motores e tanques de combustible nas puntas das ás; a L-1049H que podía facer a función de cargueiro ou transporte de pasaxeiros cunha capacidade de ata 109 prazas; e o último desenvolvemento do Constellation, o L-1649A Starliner, que foi posto en voo en 1956 e tiña un novo deseño das ás, unha maior lonxitude e máis capacidade de combustible, o que lle permitía facer voos transatlánticos sen escalas.

O Constellation tivo tamén varias versións militares. Á parte do C-69 inicial a Forza Aérea dos Estados Unidos pediu en 1948 dez L-749 aos que chamou C-121A e VC-121B. Os pedidos posteriores, que tamén foron denominados C-121, foron todos Super Constellation normais. A Armada dese país tivo tamén Super Constellation, que foron usados como transportes (algúns deles fixeron tamén tarefas meteorolóxicas) e como alerta temperá aerotransportada, estes últimos bautizados como Warning Star.

Especificacións editar

 
  • Tipo: Lockheed L-1049G Super Constellation
  • Planta motriz: catro Wright R-3350-DA3 Turbo Compound
  • Envergadura: 38,47 m
  • Lonxitude: 35,42 m
  • Altura: 7,54 m
  • Superficie alar: 153,7 m²
  • Peso baleiro: 36.150 Kg
  • Velocidade máxima: 610 Km/h
  • Teito de servizo: 7.620 m
  • Alcance: 8.700 Km