O termo leucoaraiose emprégase en medicina para describir un achado radiolóxico que consiste na perda difusa de densidade en varias rexións da substancia branca do cerebro, próximas aos ventrículos cerebrais e á cortiza cerebral profunda.[1] Non é un diagnóstico, senón un achado radiolóxico, detéctase mediante imaxes obtidas por diferentes técnicas, como a resonancia magnética nuclear e a tomografía axial computarizada.[2]

Imaxe de resonancia magnética: leucoaraiose nun paciente de 90 anos, que presenta ademais unha atrofia cerebral.
Imaxe de resonancia magnética ponderación T2 FLAIR: lesións de leucoaraiosis (frechas).

A leucoaraiose pode aparecer en diferentes procesos, como a doenza de Alzhéimer, a demencia multiinfarto e a enfermidade de Binswanger, aínda que é frecuente que se observe en persoas de idade avanzada que non presentan ningún signo de enfermidade. Desta forma detéctase no 22% de suxeitos menores de 40 anos e nun 30-92% en maiores de 60 anos, por iso para moitos autores non sería máis que un proceso fisiolóxico asociado ao envellecemento.[3]

Suscitouse un debate na comunidade médica sobre a orixe e importancia deste achado, non estando totalmente aclarado o seu significado e prognóstico. A asociación de leucoaraiose coa existencia de cambios de conduta ou demencia é factible, pero para moitos especialistas é inconsistente, tendo en conta que nalgunhas series aparece leucoaraiose no 90% das persoas de máis de 60 anos.[4][5]

Historia editar

O termo procede do grego leuko (branco) e araios (rarefacción). O neurólogo canadense Vladimir Hachinski acuñou o nome en 1987.[6][7]

Frecuencia editar

  • Persoas normais: A leucoaraiose aparece entre o 9 e 19% de persoas normais de calquera idade, no 22% dos suxeitos normais menores de 40 anos e no 30-92% das persoas de máis de 60 anos.[3]
  • Demencia vascular. Aparece leucoaraiose no 41-100% de pacientes diagnosticados de demencia vascular.[3]
  • Enfermidade de Alzhéimer. A leucoaraiose pode observarse no 19-78% de pacientes con enfermidade de Alzhéimer.[3]

Síntomas editar

Dado que a leucoaraiose non é unha doenza, senón un termo de neuroimaxe descritivo e que se presenta tanto en persoas completamente normais como en distintas situacións clínicas e patolóxicas, entre elas a enfermidade de Alzhéimer e outras demencias, non existen síntomas específicos asociados a esta condición.[8]

Notas editar

  1. Revista Stroke: Leukoaraiosis, Ischemic Stroke, and Normal White Matter on Diffusion-Weighted MRI, 2002. Consultado o 10 de xaneiro de 2010
  2. Amadeo Muntané Sánchez: La mente y el cerebro. Visión orgánica, funcional y metafísica, 2005. Consultado o 8 de xaneiro de 2010
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Análisis comparativo de la leucoaraiosis en la enfermedad de Alzheimer, la enfermedad de Binswanger y los infartos lacunares. Estudio por Resonancia Magnética convencional y espectroscópica. Tese doutoral. Universidade Autónoma de Barcelona, consultado o 14 de outubro de 2016.
  4. Federico Micheli: Tratado de neurología clínica. Consultado o 15 de outubro de 2016
  5. Revista Stroke: New Clinical Relevance of Leukoaraiosis, 1998. Consultado o 8 de decembro de 2010.
  6. Revista neurológica Argentina: Homenaje al profesor Vladimir Hachinski[Ligazón morta], 2001. Consultado o 8 de xaneiro de 2010.
  7. Hachinski V.C., Potter P., Merskey H: Leuko-araiosis, Arch Neurol. 1987; 44: 21-23
  8. VV.AA: Leucoaraiosis. Aspectos fisiopatológicos y diagnóstico por imagen. Rev haban cienc méd vol.12 no.3, xul.-set. 2013. Consultado o 20 de outubro de 2016.