O concepto de lateralidade foi modificándose ó longo dos anos, polo que hai moitos autores que van dar definicións sobre ela. Segundo Fernández (2014) a lateralidade defínese como a preferencia dun lado do corpo respecto a outro ou a preferencia da metade do corpo, tendo en conta a prioridade dos membros superiores, do ollo, do oído e dos membros inferiores.

Tipos de lateralidade editar

Dentro da lateralidade podemos diferenciar certos tipos.

Encontramos a lateralidade harmónica, que se divide en dous tipos:

  1. Zurdo harmónico. Refírese a aquelas persoas que teñen preferencia polo lado esquerdo do seu corpo en actividades cotiás.
  2. Destro harmónico. Refírese a aqueles individuos que teñen unha prioridade polo lado dereito do seu corpo en actividades cotiás. Como por exemplo escribir.

A seguinte lateralidade que encontramos é a desharmónica. Esta, a súa vez, divídese en tres tipos:

  1. Ambidextro. O tipo de lateralidade que presentan individuos hábiles con ambas partes do corpo, o que significa que non van ter dificultades nas tarefas con ningún dos dous lados.
  2. Zurdo desharmónico. Lateralidade que presentan os suxeitos que usan unha parte do corpo, a esquerda, para realizar algunhas tarefas e a destra para outras. A elección dunha parte do corpo ou outra vai depender do tipo de actividade que se queira realizar.
  3. Destro desharmónico. Lateralidade na que o individuo utiliza ambas partes do corpo, aínda que normalmente utiliza a dereita preferiblemente, pero non ten dificultades á hora de realizar algunhas tarefas coa esquerda.

Tamén existen outros tipos de lateralidade que non se encontran definidos nos dous apartados anteriores como:

  • A zurdeira rectificada, tamén coñecida como zurdeira contrariada. Dáse naqueles individuos que presentaban unha zurdeira desde o nacemento pero, pola intervención de profesores/as, dos pais e nais ou de profesionais, comezaron a oprimir esta conduta para así utilizar a dereita en todas as actividades manuais.
  • A lateralidade patolóxica. Prodúcese por unha lesión no cerebro, polo que se orixina unha paralización da parte dominante ou preferente do corpo.
  • A lateralidade indefinida. Preséntana certas persoas que utilizan a parte destra do corpo para realizar só actividades determinadas.

Dominancias laterais editar

Ademais dos tipos de lateralidades tamén se teñen que establecer os tipos de dominancias laterais:

  1. Manual. A dominancia do uso dunha ou doutra man e da mellor eficacia ou habilidade con cada unha dela.
  2. Pedal. O pé preferido para realizar actividades motrices como xogar o fútbol ou a perna preferida a hora de manter o equilibrio.
  3. Ocular. Consiste en observar en que actividades se utiliza máis un ollo que outro , xa que na preferencia ocular é frecuente conxugar ambos.
  4. Auditiva. Aquela na que hai unha tendencia a escoitar máis por un oído que por outro. Está influenciada pola diferenza na agudeza auditiva de cada oído.

Trastornos da lateralidade editar

Segundo Casaprima (2011) unha lateralidade construída de maneira inadecuada pode producir trastornos na lateralidade. Pódense dividir do seguinte xeito:

  • A lateralidade de definición tardía. Este tipo de trastornos teñen que ver co sistema nervioso, xa que o individuo tarda en establecer os compoñentes corpóreo-espaciais e a aprendizaxe depende desta razón.
  • A lateralidade cruzada. Este trastorno é moi común na sociedade e afecta á coordinación man ollo, xa que un non coincide con outro.
  • A lateralidade cruzada motor-sensorial global. Neste caso fai referencia a cando a dominancia da man é distinta a oftalmo-auditiva.
  • A lateralidade contrariada. Este tipo de trastorno afecta a aquelas persoas que, por algunha razón, a súa dominancia manual é distinta cá lateralidade global do corpo. Afecta con frecuencia á caligrafía.
  • A lateralidade patolóxica. Aparece cando hai algunha enfermidade patolóxica e non se mostra a verdadeira lateralidade.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Auzías, M. (1990). Niños diestros, niños zurdos. Madrid: Visor D.L.
  • Fernández, A. M. (2014). La lateralidad y su influencia en el aprendizaje escolar. Universidad de La Rioja.

Ligazóns externas editar