A lagoa de Aguere é o nome que recibía un espazo situado xunto a zona vella da cidade de San Cristóbal de La Laguna na illa de Tenerife (Canarias), que deu nome á localidade. Foi desecada no século XIX.

Toponimia

editar

Recibiu o nome de La Laguna desde a chegada dos conquistadores casteláns no século XV. Porén, o nome orixinal guanche, idioma falado polo pobo orixinario da illa, era Aguere.[1]

Características

editar

O lugar era usado polos pobos aborixes como área de pastoreo, aproveitamento dos froitos dos mocáns e os érbedos e, posibelmente, a caza de aves.[2]Segundo o inglés Edmond Scory, os pobos guanches crían que as almas boas e valentes habitaban no val de Aguere.[3]

Nas súas proximidades tivo lugar a Batalla da Lagoa, que enfrontou a guanches e tropas castelás durante a conquista da illa en 1496. Tras a conquista, o adiantado Alonso Fernández de Lugo fundou nas súas marxes a nova cidade de San Cristóbal de la Laguna, de urbanismo tipicamente castelán.[4]

Sábese que a lagoa era navegábel. En documentos antigos menciónase que os frades do convento de San Miguel das Vitorias cruzaban a lagoa nunha pequena embarcación cara ao centro da cidade e posteriormente de regreso ao convento.

Desaparición

editar

O escritor José de Viera y Clavijo recolle que, polo menos desde o século XVIII, realizáronse obras de drenaxe da lagoa, por ser unha zona de pantanos e de bulleiros.[5]

Durante o temporal que en 1826 afectou as Canarias, a lagoa desbordouse e asolagou a cidade.

En 1837 a Comandancia de Ingenieros drenou a auga. Para 1839 a lagoa xa fora completamente desecada, segundo o xeólogo Sabino Berthelot. Olivia Stone escribiu en 1888 que, malia a lagoa desaparecer por completo, reaparecía na época de chuvias como unha área pantanosa.[5]

Na actualidade, o terreo atópase sepultado polo desenvolvemento urbanístico de San Cristóbal de la Laguna.

Véxase tamén

editar
  1. Abréu Galindo, Juan de (1848). Historia de la conquista de las siete islas de Gran Canaria. Santa Cruz de Tenerife: Imprenta, Litografía y Librería Isleña. Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2018. Consultado o 31 de xaneiro de 2022. 
  2. "La Laguna al oído". Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2017. Consultado o 31 de xaneiro de 2022. 
  3. Bonnet Reverón, Buenaventura (1936). "Observaciones del caballero inglés sir Edmond Scory acerca de la isla de Tenerife y del Pico del Teide" (PDF) (8). Las Palmas de Gran Canaria: El Museo Canario: 44–59. ISSN 0211-450X. 
  4. "Reseña histórica de San Cristóbal de La Laguna". Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2017. Consultado o 17 de marzo de 2017. 
  5. 5,0 5,1 "Hace 175 años fue desecada la laguna que le da nombre a la ciudad de Aguere". Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2022. Consultado o 31 de xaneiro de 2022.