A lámina dental é unha banda de tecido epitelial que se observa nas preparacións histolóxicas dun dente en desenvolvemento.[1][2] A lámina dental é a primeira evidencia do desenvolvemento dun dente e nos humanos empeza na sexta semana no útero ou tres semanas despois da rotura da membrana bucofarínxea. Fórmase cando as células do ectoderma oral proliferan máis rápido do que as células noutras áreas. A lámina dental descríbese mellor como un crecemento do ectoderma oral, e distínguese frecuentemente da lámina vestibular, que se desenvolve ao mesmo tempo. Este tecido divisorio está rodeado (e talvez estimulado) polo crecemento ectomesenquimal. Cando está presente, a lámina dental conecta o xerme do dente en desenvolvemento co epitelio da cavidade oral. Finalmente, a lámna dental desintégrase en pequenos agrupamentos de epitelio e é reabsorbida. En situacións nas que estes agrupamentos non son reabsorbidos, (estes restos da lámina dental téñense denominado glándulas de Serres) fórmanse quistes de erupción sobre o dente en desenvolvemento e atrasan a erupción do dente na cavidade oral. Estas invaxinacións de tecidos ectodérmicos son as proxenitoras dos posteriores ameloblastos e o esmalte, mentres que o ectomesénquima[3] é responsable da formación da papila dental e os posteriores odontoblastos.

Micrografía dunha lámina dental e un xerme dun dente. Tinguidura de hematoxilina-eosina.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Cate AR. Ten. Oral histology: development, structure, and function. 5th ed. 1998. ISBN 0-8151-2952-1.
  • Brand RW, Isselhard DE. Anatomy of orofacial structures. 7th ed. Mosby. 2003. ISBN 0-323-01954-4.
  • Bhaskar SN. Orban's oral histology and embryology. 11th ed. 1991. ISBN 81-8147-012-5.
  • Gartner, L. The Essentials of Oral Histology and Embryology. Jen House Publishing Company. Baltimore, MD. 1999. pg19-20