Kussar ou Kussara é unha cidade hitita da Antigüidade, cuxos reis fundaron o primeiro gran reino anatolio na Idade de Bronce.

A localización de Kussar está suxeita a debate, xa que aínda non se atopou a localización da cidade. Hai un certo acordo xeral de situala en Anatolia central, en pleno país hitita, cara o sur do río Kizil Irmak, pero se cadra estivo situada máis ao leste, na rexión da actual Divrigi.

O primeiro rei desta cidade que coñecemos é Pithanas. No final do período das colonias comerciais asirias en Capadocia (sobre -1800), apodérase da vila de Nesha/Kanesh. O seu fillo Anittas fai desta cidade a súa capital, tal e como o testemuña unha punta de lanza co seu nome atopada no palacio de Kanesh. Agrandou considerabelmente o seu Imperio, especialmente ao apoderarse de Hattusha, a capital du reino de Hatti. A continuación da historia deste reino énos descoñecida. A destrución de Kanesh pouco tempo despois da morte de Anitta (ou mesmo durante o seu reinado) parece amosar un debilitamento rápido deste Estado, quizais debido ás ofensivas de reinos como o de Zalpa, ao norte, ou dos Hurritas, ao sueste.

O feito de que Hattusilis I, fundador do primeiro reino hitita, se diga descendente dos reis de Kussar confirma que este reino foi un precursor do grande imperio anatolio que domina a rexión durante os séculos seguintes.