Kanopus-V-IK ou Kanopus-Vulkan-IK é un satélite artificial para observación terrestre de Rusia.[1][2]

Características

editar

Kanopus-V-IK é realmente un satélite Kanopus-V modificado para poder observar tamén no infravermello. Ten unha masa de aproximadamente 600 kg e foi construído por NPP VNIIEM con cámaras de OAO Peleng para a axencia espacial rusa Roskosmos. A súa misión é monitorizar e controlar desastres naturais e humanos, levantar cartografía, detectar contaminación, estudar fenómenos físicos relacionados coa predición de terremotos e controlar o uso de terras para agricultura e os recursos hídricos e costeiros. Grazas á súa capacidade infravermella é capaz de detectar focos de incendios forestais dun tamaño de cinco por cinco metros en franxas de 2000 km de longo.[1][2]

Kanopus-V-IK leva tres instrumentos a bordo:[1][2]

  • Unha cámara pancromática (PSS, Panchromatic Imaging System) para monitorización medioambiental, da agricultura e dos bosques. Proporciona unha resolución de 2,5 m nunha banda de 20 km de longo para lonxitudes de onda entre 500 e 800 nanómetros.
  • Unha cámara multiespectral (MSS, Multispectral Imaging System) para monitorizar superficies costeiras e terrestres e cubertas de xeo. Ten unha resolución de 12 m nunha banda de 20 km de longo en catro bandas espectrais: 500 a 600 nm, 600 a 700 nm, 700 a 800 nm e 800 a 900 nm.
  • Unha cámara infravermella (MSU-IR-SRM, Multichannel radiometer for medium and far infrared ranges) para observar bandas de 2000 km de longo cunha resolución espacial de 200 m e sensibilidade suficiente para detectar focos de incendios de 5x5 m.

O satélite foi lanzado o 14 de xullo de 2017 mediante un foguete Soiuz 2-1a Fregat desde o cosmódromo de Baikonur.[1][2]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Kanopus-V-IK 1" (en inglés). Consultado o 24 de maio de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Mark Wade (2023). "Kanopus" (en inglés). Consultado o 24 de maio de 2023. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar