Istahara foi unha cidade importante hitita do nordeste, que desde o comezo do século –XIV estaba en mans dos kaskas, a cal foi reconquistada polo rei Suppiluliumas I, quen, a seguir, reconquistou tamén as cidades de Manaziyana, Kalimuna e outras que non debían estar moi afastadas.

Mursilis II, na súa segunda campaña (terceiro ano de reinado), despois de someter Ishupitta, e de perseguir os líderes da revolta, Pazzanna e Nunnuta, antigos vasalos dos hititas, ata Palhwisa (Palhwišša), onde os derrotou e fixo fuxir o seu exército, dirixiuse a Ishtahara, onde descansou da campaña, o que indica que a cidade permanecía firmemente en mans hititas. Alí soubo que os xefes rebeldes mencionados se dirixiran á cidade de Kammamma, a onde se dirixiu el mesmo.

A cidade foi unha das principais bases hititas do norte e foi incluída no reino vasalo hitita de Hakpis cando se creou, sobre o -1300. Era das poucas que escapara aos ataques kaskas que se produciron masivamente por aquelas datas, e unha das poucas posesións reais que formaban o reino, que na súa maior parte estaba dominado polos kaskas.

A cidade foi restaurada despois do -1390 por Hattusilis, xa que, aínda que permanecera en mans dos hititas, sufrira sen dúbida destrucións durante algún ataque kaska.