International Standard Musical Work Code

código identificador de obras musicais

O ISWC (acrónimo inglés de International Standard Musical Work Code) é o número de referencia internacional para a identificación e comercialización de obras musicais, equivalente ao ISBN para os libros. Está descrito pola norma internacional ISO 15707.

O ISWC é un número de rexistro concedido polas entidades de xestión de dereitos para o seguimento internacional das obras musicais.

Orixe e funciónsEditar

O ISWC é parte do plan CIS (Common Information System) do CISAC, que a confederación de sociedades de protección de dereitos dos autores desenvolveu para responder ás necesidades de información na era dixital. Foi aprobado pola ISO (acrónimo inglés de International Organization for Standardization; en galego: Organización Internacional de Estandarización) e existe unha regulación que define o xeito no que o ISWC debe estar estruturado, así como as normas de emisión e aplicación.

O ISWC identifica as obras musicais por referencia ao título dunha obra e aos seus creadores (incluídos compositores, autores e arranxistas). Con todo, non serve para identificar os casos de utilización das obras en manifestacións, como publicacións, gravacións ou difusións. Existen outros códigos para isto: o Código Estándar Internacional de Gravación (ISRC) para gravacións sonoras; o Código Internacional Normalizado para Obras Textuais (ISTC) para os textos ou outro tipo de execución relacionada coa obra musical.[1]

Tódolos ISWC comezan pola letra T, seguida de nove números e un díxito de control ao final (Exemplo: ISWC T-123.456.789-1, ou ISWC T-123456789-1, ou simplemente ISWC T1234567891).

Os números de licenza ISWC son asignados polas sociedades de protección de dereitos (SGAE, en España) só cando o creador está debidamente identificado.

A Axencia Internacional ISWC, designada pola norma ISO, é a responsable dos sistemas de mantemento e administración pero non asigna os números directamente senón que son os entes rexionais e/ou locais ISWC quen están autorizados para recibir e tramitar as solicitudes ISWC e para asignar os números ISWC ás obras musicais e a Axencia Internacional supervisa a súa actuación.[2] A axencia ISWC local, ademais, de asignar os números ISWC ás obras baixo a súa autoridade tamén administra unha base de datos para os números asignados ISWC e os seus correspondentes metadatos. Así mesmo, dispoñen dunha rede de información ISWC con outros organismos ISWC locais e as sociedades.

Central ISWCEditar

A central da Axencia Internacional ISWC atópase en Francia.

NotasEditar

  1. Identificadores internacionales Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. (Páxina da International Confederation of Authors’ and Composers’ Societies)
  2. "ISWC for Collective Management Organizations". iswc.org (en inglés). Consultado o 2 de febreiro de 2021. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar

  • Axencia Internacional ISWC Web oficial. Dispón dun motor de procura para a localización de obras.
  • SGAE Web da Sociedade Xeral de Autores e Editores. Dende aquí tamén se pode acceder aos motores de procura ISWC.