Oblicuidade da eclíptica

(Redirección desde «Inclinación axial»)

En astronomía denomínase oblicuidade da eclíptica (ás veces tamén como simplemente oblicuidade) á inclinación que presenta o eixo de rotación da Terra con respecto á normal ao plano da eclíptica.

Variación da oblicuidade da eclíptica.

Tamén é o ángulo que forma o plano do ecuador terrestre co plano da eclíptica. Dito ángulo presenta na actualidade 23,5º, aínda que este valor non é constante debido ao movemento terrestre denominado nutación. Foi medido por primeira vez por Eratóstenes. Debido a esta inclinación prodúcense as estacións. Ámbolos dous planos, o do Ecuador e a Eclíptica, córtanse no Punto Aries. Cando o Sol está aí prodúcese o inicio da primavera no hemisferio norte e o inicio do outono no hemisferio sur.

Para os demais planetas o ángulo que forman o plano do ecuador e o plano da órbita chámase inclinación do eixo e é o responsable neles das estacións. O caso máis sobresaínte é Marte onde a inclinación (25,19º) é moi parecida á Terra e como o ano é o dobre de longo provoca estacións tamén o dobre de longas ca na Terra. O corte de ambos planos sinala o Punto Vernal do planeta ou o inicio da primavera no hemisferio norte marciano. Titán tamén parece ter estacións.

Plano da eclíptica e inclinación do plano do ecuador terrestre respecto dela.