Illuminati ou Orde dos Iluminati é o nome que recibiu unha sociedade secreta fundada baixo o nome de Bund der Perfektibilisten o 1 de maio de 1776 polo xesuíta, filósofo e profesor de dereito canónico Adam Weishaupt en Ingolstadt (Baviera). O seu obxectivo era conseguir a mellora e perfeccionamento do mundo por medio da liberdade, da igualdade e da fraternidade, e da mellora e perfeccionamento dos seus membros permitindo o autocontrol dos individuos facendo o despotismo superfluo. Actuou legalmente ata 1785, ano no que Carlos Teodoro de Baviera prohibiu todas as sociedades secretas no país. Durante o período no que foi legal tivo ampla influencia entre os intelectuais e políticos ilustrados alemáns como o duque Fernando de Brunswick.

Illuminati
TipoSociedade secreta
Data de fundación1 de maio de 1776
Data de disoluciónmarzo de 1785
Fundador(es)Adam Weishaupt
PaísEleitorado da Baviera
editar datos en Wikidata ]

Adam Weishaupt fundador da sociedade secreta dos Illuminati

Os membros tiñan que prometer obediencia ós seus superiores e dividíanse en tres clases principais, cada unha con varios graos. A orde tiña ramificacións en moitos países de Europa, con 2000 membros, recibindo a atención de homes de letras como Johann Wolfgang von Goethe e Johann Gottfried Herder, e mesmo dos duques reinantes de Gotha e Weimar.

Arredor desta sociedade formáronse numerosos mitos e teorías conspiratorias, pretendendo que a orde fora responsable da Revolución Francesa ou de complots contra a Igrexa Católica, así como a constitución dunha Nova Orde Mundial, baseándose nestes mitos e lendas escribíronse novelas e filmáronse películas que contribuíron a espallar estas ideas entre a sociedade e a que se formasen organizacións que se reclaman herdeiras dos Illuminati.