Illa Whakaari / White

illa volcán de Nova Zelandia

Coordenadas: 37°31′12″S 177°10′57″L / -37.52, 177.1825

A illa Whakaari / White é un activo estratovolcán de andesita que se atopa a 48 km ó leste da costa da Illa Norte de Nova Zelandia, na Baía de Plenty. É o volcán cónico máis activo de Nova Zelandia e a illa creouse por mor da continua actividade volcánica por máis de 150 000 anos.[1] As localidades costeiras máis achegadas son Whakatane e Tauranga. A illa Whakaari / White permaneceu nun proceso constante de liberación de gas volcánico cando menos dende que James Cook a divisou en 1769.

Illa Whakaari / White.

A illa ten unha forma circular, de 2 km de diámetro, e álzase a unha altura de 321 metros por enriba do nivel do mar. Abrangue unha área de arredor de 325 hectáreas.[2] A parte da illa que asoma pola superficie da auga é só o cumio dunha gran montaña submarina, que mide 1600 metros dende o leito mariño.

Na illa houbo minaría de xofre e dez mineiros morreron en 1914 cando parte do muro do cráter colapsou. As principais actividades da illa son o turismo e a investigación científica. Unha grande erupción produciuse durante unha visita turística o 9 de decembro de 2019, que provocou a morte de cinco persoas.

Notas editar

  1. GeoNet (ed.). "White Island". Consultado o 30 de decembro de 2012. 
  2. Scheffel, Richard L.; Wernet, Susan J., eds. (1980). Natural Wonders of the World. Estados Unidos de América: Reader's Digest Association, Inc. pp. 412. ISBN 978-0-89577-087-5.