Igrexas de San Pedro de Terrasa

Coordenadas: 41°34′2″N 2°1′6″L / 41.56722, -2.01833

As igrexas de San Pedro de Terrasa (en catalán: esglésies de Sant Pere de Terrassa) son un conxunto monumental formado polas igrexas románicas de San Pedro, San Miguel e Santa María, situadas na confluencia dos torrentes de Vallparadís e Monner, no antigo núcleo visigodo de Ègara, orixe da vila de Sant Pere de Terrassa, hoxe un barrio da cidade.

Conxunto das igrexas de San Pedro de Terrasa.

Son testemuñas da sé episcopal do bispado de Ègara, constituído contra o ano 450.[1] Sobre unha basílica paleocristiá construíuse a antiga Catedral de Ègara. Cando o bispado desapareceu no século VIII, o conxunto foi perdendo poder e a antiga catedral foi reconstruída cunhas dimensións moito máis cativas, xa de factura románica. O espazo é ocupado pola igrexa de Santa María, do século XII, onde se instalou unha canónica augustiniana proveniente da abadía de Ruf de Aviñón, en Francia, que ficaría até o 1592.

A igrexa de San Pedro, parroquia de Terrasa, perdeu a condición parroquial no ano 1601, cando o priorado e a parroquialidade foron trasladadas ó Santo Espírito de Terrassa, malia que a recuperou no século XIX. No primeiro terzo do século XX as tres igrexas foron obxecto de estudo e restauración por parte de Josep Puig i Cadafalch, que tamén fixo escavacións en Santa María e San Miguel. O conxunto foi declarado monumento nacional en 1931 e ben de interese historicoartístico en 1985.

NotasEditar

  1. Generalitat de Catalunya (ed.). "Acord de Govern: El conjunt de les esglésies de Sant Pere de Terrassa rebran més d'1 milió d'euros per treballs de restauració". web. Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2015. Consultado o 29 de novembro de 2015.