Dryophytes versicolor

(Redirección desde «Hyla versicolor»)

Dryophytes versicolor (antes Hyla versicolor) é unha especie de pequenas ras arborícolas (relas) nativas de gran parte do leste dos Estados Unidos e do sueste do Canadá.[2] Na súa área de distribución chámanlle ra arborícola gris do leste (eastern gray tree frog), entre outros nomes. Dryophytes antes era un subxénero de Hyla, pero despois foi elevado á categoría de xénero en 2016. Actualmente as especies clasificadas en Hyla só viven no Vello Mundo.[3][4][5][6]

Hyla versicolor
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Hylidae
Xénero: Dryophytes
Especie: Dryophytes versicolor
(LeConte, 1825)

Sinonimia

Hyla versicolor LeConte, 1825

Descrición

editar

Esta ra é variable en cor, como indica o seu nome científico (versicolor), debido á súa capacidade de camuflaxe cambiando de cor de gris a verde, dependendo do substrato onde se sitúa. O grao de manchas que presenta varía.[7] Poden cambiar de case negras a case brancas. O cambio de cor é máis lento que nos camaleóns. Cando están mortas ou en contornas non naturais son predominantemente de cor cincenta. A femia non croa e ten a gorxa clara, pero o macho croa e pode ter gorxa negra, gris ou marrón durante a estación reprodutora. A femia é xeralmente máis grande que o macho.

Son relativamente pequenas comparadas con outras ras norteamericanas, e normalmente miden entre 3,8 e 5,1 cm. A súa pel ten unha textura ruda e dálle unha aparencia verrugosa. Son virtualmente indistinguibles da especie D. chrysoscelis (antes Hyla chrisoscelis), e a única diferenza salientable entre elas é que a D. chrysocelis cando croa fai unha chamada máis curta e rápida.[8] H. versicolor ten 48 cromosomas (4n), polo que é tetraploide. Ao contrario, D. chrysocelis é diploide, e ten 24 cromosomas (2n). A hibridación entre estas especies orixina unha morte temperá de moitas larvas, pero algúns individuos poden sobrevivir ata chegaren a adultos, aínda que teñen unha reducida fertilidade.[9]

Tanto D. chrysoscelis coma D. versicolor teñen manchas amarelas brillantes nas súas patas traseiras, o que as distingue doutras ras arbóreas, como D. avivoca (antes Hyla avivoca).[10] As manchas brillantes normalmente só son visibles cando a ra dá brincos. Ambas as especies son lixeiramente dimórficas sexualmente. Os machos teñen xeralmente gorxas negras ou grises, e as femias téñenas máis claras.[11]

Os cágados teñen corpos arredondados (a diferenza dos corpos máis alongados das especies de río) con colas altas e largas que poden estar coloreadas de vermello se os predadores están presentes no sistema. A metamorfose pode ocorrer moi rapidamente en condicións óptimas e durar só dous meses. Na metamorfose, as pequenas ras vólvense case sempre verdes durante un día ou dous antes de cambiar á súa cor máis común gris, pero ás veces a ras novas poden manter a súa cor verde clara e só se volven grises ou verdes máis escuras cando chegan á idade adulta.

Distribución e hábitat

editar
 
Sobre un talo.

D. versicolor vive na maior parte da metade leste dos Estados Unidos, e chega polo oeste ata Texas central e Oklahoma. Tamén vive no Canadá nas provincias do Quebec,[12] Ontario, e Manitoba, e hai unha poboación illada en Novo Brunswick.

Pode sobrevir á conxelación dos fluídos internos do seu corposa temperaturas de -8 °C.[13]

Os seus hábitats máis comúns son as áreas forestais, xa que é moi arbórea. As súas chamadas séntense con frecuencia en áreas residenciais rurais da costa leste e do Medio Oeste. Prefiren reproducirse en pozas de bosque semipermanentes sen peixes, pero tamén poñen ovos en pantanos, pozas primaveirais, fontes feitas polo home e xardíns con pozas de auga.

Comportamento

editar

Estas ras raramente descenden das partes altas das árbores a non ser para reproducirse. Son estritamente nocturnas. Os machos raramente fan grandes coros, xa que son principalmente animais solitarios, pero poden vocalizar competitivamente no período álxido da tempada reprodutora. As chamadas de apareamento e coros son máis frecuentes de noite, pero os individuos a miúdo fan chamadas tamén durante o día en resposta a tronos ou outros ruídos fortes. En ocasións poden congregarse arredor das luces de fiestras e soportais para comer insectos atraídos pola luz. Durante o día adoitan descansar en pólas horizontais das árbores. A súa camuflaxe axúdalles a evitar os depredadores. En catividade, quedan amansadas e mesmo poden comer da man do seu dono.

 
D. versicolor en amplexo.
Vídeo de D. versicolor apareándose e poñendo ovos.
 
D. versicolor, Missouri Ozarks
  1. IUCN SSC Amphibian Specialist Group (2014). "Hyla versicolor". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 2015-01-17. 
  2. "Comprehensive Report Species - Dryophytes versicolor". explorer.natureserve.org. Consultado o 2019-12-12. 
  3. Duellman, William; et al. (19 April 2016). "Phylogenetics, classification, and biogeography of the treefrogs (Amphibia: Anura: Arboranae)". Zootaxa 4104 (1): 1–109. PMID 27394762. doi:10.11646/zootaxa.4104.1.1. 
  4. "Dryophytes Fitzinger, 1843". Amphibian Species of the World. 
  5. "AmphibiaWeb - Hyla versicolor". amphibiaweb.org. Taxonomic Notes. Consultado o 2019-12-22. 
  6. "AmphibiaWeb - Hylidae". amphibiaweb.org. Consultado o 2019-12-22. 
  7. Mary Hoff (March–April 2014). "Chirp, Croak, Snore". DNR (Minnesota Conservation Volunteer): 32. 
  8. Carl Gerhardt; John A. Doherty (1988). "Acoustic communication in the gray treefrog, 'Hyla versicolor': evolutionary and neurobiological implications". J. Comp. Physiol. A 162 (2): 261–278. doi:10.1007/BF00606090. (require subscrición (?)). 
  9. H. Carl Gerhardt; Margaret B. Ptacek; Louise Barnett; Kenneth G. Torke (1994). "Hybridization in the Diploid-Tetraploid Treefrogs Hyla chrysoscelis and Hyla versicolor". Copeia 1994 (1): 51–59. doi:10.2307/1446670. 
  10. Bernard S. Martof et al. (1980). "Amphibians and Reptiles of the Carolinas and Virginia". Chapel Hill: University of North Carolina Press. ISBN 0-8078-4252-4.
  11. Thomas F. Tyning (1990). A Guide to Amphibians and Reptiles. Boston: Little, Brown and Company. ISBN 0-316-81719-8.
  12. Quebec range map Arquivado 07 de outubro de 2016 en Wayback Machine., Quebec Biodiversity website
  13. Adaptations of Frogs to Survive Freezing

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar