Historia de Shantou

Inda que propiamente a historia urbana de Shantou non comeza ata a metade do século XIX, a existencia dunha aldea de pescadores nos areais do extremo suroeste do Delta do Han na súa desembocadura no río Rong, data do século XII co nome de Ha Ling. Precisamente polos bancos de area no século XVI comeza a coñecerse coma Shashan Ping (1574). No século XVIII a dinastía Qing construíu na zona fortalezas e tamén un templo eríxese no lugar (Tin Hau) [1]. Arredor pronto xorde un mercado e un pequeno porto con estaleiro de reparacións (1809).

Todo estaba preparado para que en 1858, tralas Guerras do Opio e a firma do tratado de Tianjin, un dos portos elixidos para abrírese ao tráfico occidental fora o de Shantou (ou Swatow), con excelentes condicións naturais de augas profundas e protexidas na súa baía con vantaxe sobre do histórico de Chaozhou, augas arriba do río Han.

Os consulados estranxeiros foron abrindo as súas sedes (moitos en Queshi, ou Kakchio, na outra beira do río Rong [2]). A vila medrou coma segundo porto da rexión [3], so tras Cantón, acadando o estatuto de cidade e a independencia do distrito de Chenghai (1919 e 1921 respectivamente).

Desafortunadamente en 1922 un catastrófico tifón arrasouna (morreron 50.000 dos seus 65.000h) e o porto quedou entupido o que supuxo o seu atraso no desenvolvemento posterior. Inda así, nos anos trinta recuperou unha posición importante entre os portos do país [4][5], e en 1958 foi designada capital do distrito.

En1981 foi elixida unha das Zonas Económicas Especiais de apertura aos investimentos estranxeiros. O crecemento, aínda que no tan explosivo como no veciño Río das Perlas, está a conformar unha rexión metropolitana (chamada Chaoshan, con Jieyang e Chaozhou) de máis de dez millóns de habitantes.

En 1999 tendeuse unha das pontes colgantes maiores do mundo no seu tipo, entre as dúas beiras do río Rong (a Ponte Queshi) [6].

Notas editar

  1. Mapa antigo coa rexión do delta do Han; a fortaleza do extremo esquerdo marca a posición de Shantou [1] Arquivado 10 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  2. Vista de época á acuarela con Queshi (Kakchio) e ao fondo Swatow; G.Cumming 1879 [2] Arquivado 31 de maio de 2013 en Wayback Machine.
  3. Plano de Swatow en 1909[Ligazón morta]
  4. Carta do porto de Swatou coa beira de Kakchio (Queshi)[Ligazón morta]
  5. Mapa da cidade en 1948[Ligazón morta]
  6. "Mapa actual de Shantou". Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2012. Consultado o 18 de xullo de 2012.