Historia de Caracas
Caracas fundouse en 1567 baixo o nome de Santiago de León de Caracas polo explorador español Diego de Losada.
Período colonial
editarEn 1560 o mestizo Francisco Fajardo establece no lugar a facenda gandeira de San Francisco. Acosada polos indios da rexión (entre outros os caracas dun val achegado), ao ano seguinte o explorador Juan Rodríguez Suárez, para defendela mellor, convértea en Villa de San Francisco, con alcalde e repartindo terras entre os seus soldados. Pero foi destruída polos nativos ese mesmo ano.
Ata que en 1567-8 o conquistador Diego de Losada, seguindo unha Real Cédula, refunda formalmente no lugar a cidade de Santiago de León de Caracas. A súa excelente situación, preto da costa pero ben defendida por unha cadea de montañas e en altitude para temperar o clima [1], fan que en dez anos sexa elixida coma capital da provincia de Venezuela. Xa en 1576 os franciscanos fundan un convento e no 1577, o gobernador Juan de Pimentel debuxa o primeiro plano da cidade con vinte e cinco cuadras (seguindo as ordenanzas de Filipe II, no acostumado dameiro colonial español cunha praza central onde se sitúan os edificios representativos, cabido e igrexa).
Os séculos XVII e XVIII son de crecemento á calor do comercio e ampliando a trama ortogonal en todas as direccións excepto ao oeste, onde estaba constrinxida polo outeiro do Calvario. Inda que un terremoto destrúe a cidade en 1641 e a reconstrución é lenta e traballosa (catedral no lugar da Igrexa Maior) os corsarios obrigan a iniciar unha muralla en 1678 que non se remata.
En 1703 iníciase unha grande expansión ao leste co barrio de La Candelaria[2] (emigrantes canarios), e no 1777 Caracas convértese na capital da Capitanía Xeneral de Venezuela.
Independencia
editarO século XIX é o do libertador caraqueño Simón Bolívar e a independencia, e tamén o dun estancamento urbano. En 1812 un novo terremoto destrúe a cidade e tan só cara á fin da centuria, a administración do presidente Guzmán Blanco supón a modernización dos servizos públicos da urbe, pero asemade o seu afrancesamento coa destrución dunha chea de edificios coloniais hispanos e a súa substitución por outros dun eclecticismo á moda (por exemplo o Capitolio lexislativo, inmediato polo suroeste á praza maior chamada dende esa época Praza Bolívar)[3][4].
Modernidade
editarDe calquera maneira ata ben entrado o século XX Caracas inda mantén o carácter duna pequena cidade agrícola e comercial. Foi a partir de 1936 que, co inicio dos ingresos petroleiros, comezou unha explosión demográfica (inmigración do campo e dende Europa: españois (moitos galegos), italianos e portugueses) que a levou en só sete décadas de vila a metrópole.
En 1939 apróbase o Plan Rotival para a reestruturación do centro cun grande eixo monumental e edificios gobernamentais ao sur das vinte e cinco mazás orixinais[5][6]. Só se realizou o plan viario cunha grande e núa Avenida Bolívar e o ancheamento doutras arredor do núcleo histórico (Urdaneta, S.Martín, Sucre, Andrés Bello). O máis interesante dese tempo foron as realizacións do mellor arquitecto venezolano, Carlos Raúl Villanueva: a Reurbanización El Silencio (1942, ao pé do Calvario, orixe da Avenida Bolívar[7][8]) e sobor de todo a Cidade Universitaria (1954, xunto ao Parque dos Caobos no outro extremo da Avenida Bolívar[9]).
En 1952 un novo Plan Rector pretendeu desta vez aplicar as ideas urbanísticas do Movemento Moderno no canto do academicismo novecentista do anterior[10]. Nós de autoestradas e o Centro Bolívar na avenida homónima é a súa herdanza máis significativa[11].
Coma outras grandes cidades de Latinoamérica, Caracas ten sufrido os efectos dun exceso de migración do rural que a urbe non pode situar, en forma de poboados chabolistas (barrios[12]) colgados dos outeiros que puntúan o val (ata case que un millón de persoas nos setenta)[13].
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2008. Consultado o 18 de novembro de 2008.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2008. Consultado o 18 de novembro de 2008.
- ↑ [1]
- ↑ "Caracas+1897.jpg (image)". bp0.blogger.com. Consultado o 2022-12-09.
- ↑ [2][Ligazón morta]
- ↑ [3][Ligazón morta]
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2004. Consultado o 26 de maio de 2004.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2009. Consultado o 03 de febreiro de 2009.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2009. Consultado o 03 de febreiro de 2009.
- ↑ "Caracas+1950.jpg (image)". bp1.blogger.com. Consultado o 2022-12-09.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2007. Consultado o 04 de febreiro de 2009.
- ↑ [4][Ligazón morta]
- ↑ [5]
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Oramas Luis R., Boletín de la Academia Nacional de la Historia, 1961, Publicacdo en Caracas (Venezuela)
- Fray Pedro Simón, Noticias historiales de Venezuela, 1987. Publicado por Ediciones de la Academia Nacional de la Historia - Caracas (Venezuela)
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia de Caracas |