Hikikomori (ひきこもり o 引き篭り?, literalmente "apartarse, estar recluído", i.e., "illamento social agudo") é un termo xaponés para referirse ao fenómeno de xente solitaria que escolleu abandonar a vida social; a miúdo buscando graos extremos de illamento e confinamento, debido a varios factores persoais e sociais nas súas vidas.

O termo hikikomori refírese ao fenómeno sociolóxico, como tamén ás persoas que pertencen a este grupo social. Na terminoloxía occidental, este grupo pode incluír individuos que sofren de fobia social ou problemas de ansiedade social. Isto tamén pode ser orixinado por agorafobia, trastorno de personalidade evitante ou timidez extrema.

Síntomas do illamento editar

Mentres que algunhas persoas senten presión por parte do mundo exterior, e padecen agorafobia, un hikikomori reacciona cun completo illamento social para evitar toda a presión exterior. Poden encerrarse nos seus dormitorios ou calquera outra habitación da casa dos seus pais durante períodos de tempo prolongados, de incluso anos. Normalmente non teñen ningún amigo, e na súa maioría, dormen durante o día, e ven a televisión ou xogan con videoxogos durante a noite. Todo isto fai deles un caso extremo de "solteiros parasitos" (expresión xaponesa para nomear a aqueles que viven das sopas instantáneas, vivindo na casa de seus pais por comodidade).

O illamento da sociedade normalmente comeza de forma gradual. Normalmente, hai tristeza, van perdendo os seus amigos, vólvense inseguros, tímidos e falan menos. Frecuentemente son obxecto de burla no colexio, o cal pode ser o detonante para o seu illamento.

A maioría dos hikikomori manteñen contacto co mundo exterior só polo ordenador, a televisión e os videoxogos en liña, aínda que, en casos extremos, o hikikomori pode pecharse incluso a isto, e permanecer horas e horas na mesma posición, coa vista nun punto fixo, vivindo da súa imaxinación.

O doutor xaponés Tamaki Saito é precursor nos estudos desta nova enfermidade social.

Reacción dos pais editar

O ter un hikikomori na familia normalmente é considerado un problema interno desta, como tamén unha vergoña, e moitos pais esperan moito tempo antes de buscar unha terapia psicolóxica. Ademais, no Xapón, a educación do neno corre a cargo da nai, por tradición, e pode que o pai deixe todo o problema do hikikomori á nai, a cal se sente sobreprotectora co seu fillo. Nun principio, a maioría dos pais limítanse a esperar que o rapaz supere os seus problemas e regrese á sociedade polo seu propio pé. Veno como unha fase que o rapaz ten que superar. Ademais, moitos pais non saben que facer cun hikikomori, e simplemente esperan debido á falta doutras opcións. Normalmente non se forza (ou tárdase moito en facelo) de forma radical ao rapaz para que volva integrarse na sociedade. Os colexios e asistentes sociais poden facer preguntas, pero normalmente non se involucran na situación.

Efectos no hikikomori editar

A falta de contacto social destas persoas e o illamento prolongado teñen un grande efecto na mentalidade, con perda de habilidades sociais e os referentes morais necesarios. A miúdo, o mundo da televisión ou os videoxogos convértense no seu marco de referencia.

Se o hikikomori finalmente (normalmente despois duns cantos anos) regresa á sociedade pola súa propia vontade, ten que afrontar o problema de ter perdido moitas das súas habilidades sociais, así como anos de estudo, o que agrava a súa reintegración. Temen que os demais descubran o seu pasado como hikikomori, e amósanse vacilantes coa xente, especialmente se son descoñecidos.

O seu medo á presión social pode converterse en ira, e a perda do marco de referencia social pode conducir tamén a un comportamento violento ou delitivo. En casos extremos chegan a atacar os pais e a delinquir.

Tratamento editar

Hai diferentes opinións sobre o tratamento que debe seguir un hikikomori, e as opinións normalmente divídense nun punto de vista xaponés e outro occidental. Os expertos xaponeses normalmente suxiren manter un contacto permanente sen invadir o seu espazo e intentar reincorporalo á sociedade de maneira progresiva, mentres que os médicos occidentais pensan que hai que manter unha postura de firmeza e incluso actuar de maneira directa forzando o hikikomori a abandonar o seu enclaustramento. En calquera caso, é necesaria unha axuda psicolóxica, xa que moitos pais se ven superados polos problemas dun hikikomori. Aínda que hai algúns médicos e clínicas especializados en axudar a mozos hikikomori, moitos deles e seus pais senten falta de apoio para os seus problemas.

O resto do mundo editar

O illamento social completo parece que é, principalmente, un fenómeno xaponés, pero mozos en todo o mundo sofren a mesma presión social e poden ser obxecto de burla, polo se poden encontrar comportamentos parecidos polo mundo.[1]

Notas editar

  1. Antonelli, Noelia, BBC Mundo (2008), Los hikikomoris latinoamericanos.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar