Herdanza por mestura

A herdanza por mestura ou mesturada (blending inheritance) era unha teoría xenética, hoxe considerada incorrecta, que sostiñan moitos biólogos e outros académicos durante parte do século XIX, antes do descubrimento das leis básicas da xenética. A herdanza por mestura era simplemente un modelo hipotético de uso moi estendido, máis que unha teoría científica formalizada (nunca foi presentada formalmente ante a comunidade ou institucións científicas, nin se publicou en revistas científicas, nin estivo adscrita a unha persoa específica). Esta teoría consideraba que os trazos herdados eran determinados ao azar, e estaban sempre dentro dun intervalo cuxos dous límites eran os trazos homólogos que se encontran nos proxenitores. A altura dunha persoa, cun proxenitor baixo e outro alto, pensábase que sempre era un valor intermedio entre o das alturas de ambos os proxenitores. O defecto desta idea era que requiría que, por exemplo, unha persoa de estatura dun valor intermedio, á súa vez, tiña que converterse despois nun dos extremos limitantes (o superior ou o inferiro) dunha futura descendencia, e así continuamente en toda a súa liñaxe. Así, en cada familia, o potencial para a variación tendería a facerse máis estreito de forma bastante drástica en cada xeración, e, así ocorrería en toda a poboación con cada trazo. Se a herdanza por mestura fose certa, neste exemplo, todos os membros dunha especie converxerían finalmente nun só valor para a altura. Noutras palabras, a "herdanza por mestura é incompatible...con feitos obvios. Se fose certa esa variación desaparecería, cada xeración debería ser máis uniforme que a anterior. No momento actual, todos os individuos deberían ser tan indistinguibles coma clons."[1]

Exemplo de herdanza por mestura da cor de flores que mostra como a varaición de cor dunha especie converxe nunha soa cor en relativamente poucas xeracións se as variacións de cor da súa descendencia teñen como límites as cores dos proxenitores.

Ademais, a herdanza por mestura non podía explicar como os trazos que aparentemene desaparecían durante varias xeracións a miúdo reaparecían inalteradas máis adiante nunha liñaxe. Os ollos azuis e o cabelo loiro, por exemplo, ás veces desaparecen na liñaxe dunha familia durane varias xeracións de ollos e cabelos castaños, pero esas xeracións poden ter despois algún fillo loiro ou de ollos azuis. Se a herdanza por mestura fose certa isto non sería posible.

A herdanza por mestura (e outras varias hipóteses que competían con ela) foron finalmente desbotadas cando se aceptaron as propostas de Gregor Mendel sobre a herdanza particulada, presentada nos seus Experimentos sobre Hibridación de Plantas (1865), que seguen sendo a base do modelo de herdanza da síntese evolutiva moderna.

Notas editar