Hórreo bergantiñán
O hórreo bergantiñán é un tipo de hórreo galego que se dá nalgunhas partes da comarca de Bergantiños. A súa área de distribución é moi reducida e nela convive con outras tipoloxías propias de áreas limítrofes.[1]
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/f4/H%C3%B3rreo_na_provincia_da_Coru%C3%B1a_02.jpg/250px-H%C3%B3rreo_na_provincia_da_Coru%C3%B1a_02.jpg)
Características
editarMorfoloxía
editarÉ un hórreo rectangular que chama a atención por ser o tipo máis ancho de entre os hórreos de madeira. A suspensión está formada por fortes cepas transversais de cachotería coroadas por rateiras. As cepas en reducidas ocasións vense substituídas por un celeiro. A cámara é continua exteriormente, salvo nos hórreos máis longos, nos que os costais están divididos en tramos.
O tellado é a dúas augas e ten un beiril pouco asomado. Normalmente non leva elementos terminais. A porta da cámara vai nun dos penais, pola pouca altura da suspensión non ten escaleira de fábrica e, cando a hai, non alcanza o nivel da cámara.
Construción
editarA cámara está soportada por unha grade de madeira constituída por fortes trabes que descansan sobre os tornarratos. Os panos de peche están formados por doelas verticais de madeira. Sobre a cámara, o tellado é de tella cerámica curva sobre taboado de madeira.
Notas
editar- ↑ Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.