Guerra dos Mascates

A Guerra dos Mascates, que ocorreu de 1710 a 1711 na entón Capitanía de Pernambuco, é considerada como un movemento nativista polos historiadores da Historia do Brasil.

Nela enfrontáronse os señores de terras pernambucanos, concentrados na cidade de Olinda, e os comerciantes portugueses da cidade de Recife, chamados pexorativamente mascates.

Antecedentes editar

Despois da expulsión dos neerlandeses do nordeste do Brasil, a economía da rexión, que dependía da manufactura do azucre, estaba sen capital para investimentos en plantacións, equipamentos e man de obra escrava. Co descenso dos prezos do produto no mercado internacional, debido á concorrencia do azucre producido nas Antillas, entrou en profunda crise. Necesitados de diñeiro, pedíano ós comerciantes de Recife.

Endebedados e dependentes economicamente dos comerciantes portugueses, os latifundistas pernambucanos non aceptaron a emancipación político-administrativa da cidade de Recife, ata entón subordinada a Olinda. A emancipación de Recife foi percibida como unha agravante da situación dos latifundistas endebedados, diante dos seus acredores, a burguesía comercial portuguesa, que, por ese mecanismo (a emancipación da vila onde vivían) alcanzaban unha situación de igualdade política.

O movemento editar

En febreiro de 1710, pouco despois de recibir a Carta Rexia que elevou o poboado á condición de vila, os comerciantes inauguraron o Pelouriño e o predio da Cámara Municipal, separando formalmente Recife de Olinda, a sede da capitanía. A aristocracia rural pernambucana reaccionou e atacou Recife, baixo o liderado de Bernardo Vieira de Melo e de Leonardo Bezerra Cavalcanti. O gobernador da capitanía, Sebastião de Castro Caldas Barbosa, relacionado cos mascates, fuxiu a Baía, deixando o goberno nas mans do bispo Manuel Álvares da Costa Claumann. Os mascates contraatacaron en 1711, invadindo Olinda e provocando incendios e destrución nas vilas e facendas próximas.

O nomeamento dun novo gobernador, Felix José de Mendonça, e o reforzo de tropas portuguesas mandadas desde Baía, puxeron fin á guerra. A burguesía mercantil recibiu o apoio da metrópole, e Recife mantivo a súa autonomía. Porén, o sentimento autonomista e antilusitano dos pernambucanos, que viña dende a loita contra os holandeses, intensificouse aínda máis no pobo, rexurdindo anos despois na Revolución Pernambucana de 1817 e na Confederación de Ecuador de 1824.