Grândola, Vila Morena

canción de Zeca Afonso

«Grândola, Vila Morena» é unha canción composta e cantada por Zeca Afonso, escollida polo Movimento das Forças Armadas (MFA) para ser o segundo sinal para o comezo da Revolución dos caraveis. Zeca Afonso compuxo esta canción en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense. A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo, e sería censurada polo réxime Salazarista por ser unha canción asociada ao comunismo. Ás 00:20 do día 25 de abril de 1974 a canción foi transmitida na Rádio Renascença, a emisora católica portuguesa, como sinal para confirmar as operacións da revolución. Por ese motivo quedou sempre asociada a ela, así como ó comezo da democracia en Portugal.

Mural conmemorativo en Grândola.

Historia editar

A canción foi incluída no álbum Cantigas do Maio, editado en decembro de 1971, disco que conta cos arranxos e dirección musical de José Mário Branco. "Grândola, Vila Morena" é a quinta canción do álbum, gravado en Herouville (Francia) entre o 11 de outubro e o 4 de novembro de 1971.[1] Foi cantada por primeira vez en público o 10 de maio de 1972 na cidade de Santiago de Compostela. O 29 de marzo de 1974 foi cantada no peche dun espectáculo no Coliseu de Lisboa, e entre a asistencia estaban militares do Movimento das Forças Armadas, que escollerían a canción como un dos xestos para o arranque da Revolución dos caraveis cando se iniciou a xestación do mito. Curiosamente, para ese espectáculo a censura do réxime salazarista prohibira a interpretación de varias cancións do Zeca, entre as cales "Venham Mais Cinco", "Menina dos Olhos Tristes", "A Morte Saiu à Rua" e "Gastão Era Perfeito".

Ás 00:20 da madrugada do día 25 de abril de 1974, "Grândola, Vila Morena" comezou a soar no programa Limite da Rádio Renascença. Era o segundo xesto que confirmaba a boa marcha das operacións e daba inicio ó avance das forzas organizadas polo MFA. O primeiro xesto, tocado preto de hora e media antes, ás 22:55 do día 24 de abril, foi o tema E depois do adeus, cantado por Paulo de Carvalho.

Despois da revolución editar

Nas protestas de setembro de 2012, polos recortes do goberno portugués de Pedro Passos Coelho, os manifestantes entoaron o canto de Grândola, Vila Morena como himno das protestas. Tamén foi utilizada polos manifestantes do 15-M en España.

A canción foi versionada en varias ocasións por varios artistas, como Amália Rodrigues en 1974, baixo o título de "Grândola", e o grupo de rock brasileiro 365 en 1987. En España foi versionada por grupos como os sevillanos Reincidentes, os vascos Betagarri ou os cantaurores Marina Rossell e Luis Pastor.[2]

Notas editar

  1. "E depois do adeus, "Grândola, vila morena"". Sermos Galiza. 11 de outubro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2018. 
  2. "22 versões para “Grândola, Vila Morena”". Associação José Afonso (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 02 de setembro de 2017. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar