A Fuente Agria é unha fonte localizada en Puertollano, no Paseo de San Gregorio. A auga que sae dela, coñecida como auga agre polo seu alto contido en ferro, ten grande importancia na historia do lugar.

Fuente Agria en Puertollano

Historia editar

Os primeiros datos da súa existencia remóntanse a 1575, durante o reinado de Filipe II. As Relaciones Topográficas, documento que mandou escribir o rei, recolle citas súas cando probou as augas da fonte:

“esta villa tiene agua dentro della, la que ha menester para su gasto y beber, en moderada cantidad de pozos y que tiene junto a la dicha villa una fuente que se llama la Fuente Aceda porque el agua della es agria y sale la dicha agua encima de tierra hirviendo hacia arriba ordinariamente sin cesar”.[1]

En 1628 o doutor Alfonso Limón Montero[2] foi un dos primeiros estudosos en describir as propiedades beneficiosas desta auga. Publicou unha obra titulada Espejo cristalino de las aguas de España.

A súa popularización editar

Sobre 1850 publicouse en Madrid un documento chamado Ensayo práctico sobre la acción de las aguas minerales, que daba a coñecer os seus efectos beneficiosos na saúde. En 1894 a auga desta fonte chegou a ser embotellada co nome de “agua acidulo alcalino-ferruginosa de Puertollano”, e vendida a 38 céntimos de peseta a botella. Indicábase que o seu uso era beneficioso fronte a afeccións crónicas, problemas intestinais ou enfermidades cutáneas. Isto débese a que, daquela, a inxesta da auga agre seica axudaba a activar a circulación, estimulaba o sistema nervioso e favorecía a dixestión, amais de ser beneficiosa para a pel.

Problemas coa auga editar

En 2008 a fonte deixou de botar auga. Non foi a primeira vez que ocorreu isto na súa historia, pois en 1860, 1865 e 1950, por distintos motivos, tamén deixara de abrollar. Porén, si é a máis lembrada, pois de súpeto, os 4 canos polos que sae un chorro moi abundante, deixaron de manar auga. Para investigar o sucedido, consultouse con hidroxeólogos e outros especialistas.

 
Casa de baños

O nivel freático de Puertollano está moi próximo ao solo de edificación. Isto, unido á construción de edificios durante os anos 70, provocou que o manancial sufrise danos. En 1974 a demolición da praza de touros provocou un gran asolagamento de material ferruxinoso no soar. Nos anos 90, a construción do novo Auditorio e a remodelación da Casa de Baños[3] minguaron a cantidade e calidade da auga.

En novembro de 2008, iniciouse a construción dun novo inmóbel na rúa Ave María, moi preto da fonte. A construción de varias plantas subterráneas para aparcadoiro provocou que empezase a minguar o caudal. Na madrugada do 11 de decembro a fonte deixou de botar auga, o que causou gran polémica na vila.

Finalmente, reformulouse o proxecto do edificio cunha única planta subterránea. A auga volveu abrollar, mais cunha calidade moito menor.

Notas editar

  1. BRATLI, C.: Felipe II, rey de España, Madrid, 1927.
  2. GRANJEL, Luis S.: "Limón Montero y la literatura hidrológica española del siglo XVII" en Cuadernos de Historia de la Medicina Española
  3. MUERTE EN LA CASA DE BAÑOS S. MASSEY , NAUSICAA, 2009 ISBN 9788496633506

Ligazóns externas editar