Fronte polar
Unha fronte polar é unha zona de transición entre unha masa de aire fría procedente dos polos, e unha masa cálida de procedencia subtropical. Sitúase no límite entre a célula polar e a célula de Ferrel en cada hemisferio, onde hai un forte gradiente de temperaturas. No caso do hemisferio norte as dúas masas de aire teñen diferentes propiedades: unha fría que provén do norte, que se produce cando unha masa de aire frío descende a latitudes menores e introdúcese como unha cuña entre o chan e o aire quente; e outra cálida, que se atopa máis ao sur no océano e avanza desprazando a corrente de aire frío.
É de grande extensión e separa ditas masas de aire. Dáse en latitudes medias, entre os 50º e os 60º, aínda que varía bastante a súa posición xa que as masas de aire están en continuo movemento, variando, sobre todo, coas estacións, provocando chuvias no inverno e secas no verán. En primavera desprázase cara ó norte e, en outono volve descender. Cando a fronte polar do hemisferio norte avanza máis ao sur afecta ao clima de Galicia, e trae consigo numerosas borrascas.