Frayre de Joy e Sor de Plaser

Frayre de Joy e Sor de Plaser é un relato anónimo do século XIV, composto en verso en lingua occitana con posibles influencias catalás. A trama do relato prefigura o conto 'A Bela Dormente.

Trama editar

Sor de Plaser ("irmá de pracer"), filla do emperador de Gint-Senay cae misteriosamente nun estado sobrenatural no que se ben parece morta, o seu corpo non se corrompe. Os seus pais, en vez de sepultala, consérvana nunha torre illada por fosos impenetrables nun ambiente paradisíaco. O príncipe de Florianda, Frayre de Joy ("irmá de ledicia") oe falar da beleza da moza e namórase sen vela. Coa axuda da maxia de Virxilio, o mozo chega á torre, entra e troca aneis coa doncela durmida. Tamén posúe sexualmente seu corpo e déixana encinta. Grazas á axuda dun paxaro que fala cunha enorme elocuencia regalado a Frayre de Joy por Virxilio, a moza é reanimada maxicamente e descobre que non soamente perdeu a súa virxindade senón que agora ten un fillo ilexítimo. O paxaro finalmente convéncea de casar con Frayre de Joy. O fillo de ambos é chamado Joy de Plaser ("ledicia de pracer").[1] A voda celébrase con fastos e en presenza de reis, emperadores, Virxilio, o Preste Xoán e o papa.[2]

Autoría editar

Descoñécese a autoría do texto, e ao respecto existen dúas hipóteses enfrontadas. Segundo a primeira sería un catalán que tentou escribir en occitano (lingua literaria prestixiosa na súa época), de acordo coa segunda sería plenamente un occitano, malia as irregularidades lingüísticas do seu texto.[3]

Características da obra editar

O relato é un claro precedente do da Bela dormente. Non é o único, pois o tópico da doncela dormente espertada por un varón que se converte no seu esposo tamén aparece no episodio de Zellandine e Troilo -no Perceforest- e no de Brianda e Blandín -no Blandín de Cornualla-,[4] mais é o primeiro, na literatura europea,[5] que o presenta de maneira independente, e non o marco dun relato máis amplo.

O relato é a historia dun amor predestinado, o cal se evidencia xa desde os elementos lingüísticos,[6] como a paridade dos nomes dos amantes (que se sintetizan despois no nome do fillo de ambos) e a troca de aneis con inscricións previo á violación do príncipe á princesa. O anelo dela ten inscritas as palabras:

Anell suy de Sor de Plaser,/Qui m'aura leys pora aver,/Per amor, ab plazer viven,/Can ach de joy pres complimen. Son o anelo de Sor de Plaser,/quen me teña a ela poderá ter,/por amor, con vivo pracer,/cando comprira a súa alegría.

Pola súa parte, o do príncipe reza:

Anell de Frayre de Joy suy,/Qui m'aura leys amaray,/No jes a guisa de vilan,/Mas com a fill de rey presan. Son o anelo de Frayre de Joy,/a quen me teña amaréi,/non da maneira dun aldeán,/senón como o fillo dun rei.

Notas editar

  1. Rachel D. Gibson. Reevaluating Narration, Negtiation and Exchange in the Old Occitan Frayre de Joy e Sor de Plaser. Tenso. Tomo 30. Números 1-2. Ano 2015. P. 48-71.
  2. Wolfzette, Friedrich. Le Conte en palimpseste. ISBN 3-515-8631-5. Pág. 127
  3. Segundo Suzanne Thiolier-Méjean, aínda que o texto fora considerado catalán por Paul Meyer, Amédée Pagès demostrou que é provenzal, pese a ser verdade que a lingua na que está redactado constitúe un provenzal moi alterado. Une Belle au Bois Dormant médiéval. Frayre de Joy e Sor de Plaser, Nouvelle d’oc du xive siècle. París, 1996, p. 129.
  4. Fernández Rodríguez, Carolina. La Bella Durmiente a través de la historia. Universidad de Oviedo, Servicio de Publicaciones. ISBN 84-8317-072-8. Fernández Rodríguez cita a Zago (1979).
  5. Segundo Ester Zago a orixe do tópico está na lenda india de Surya Bai (Zago, Ester. Frayre de Joy e Sor de Plaser re-examined. Merveilles & contes Vol. 5, No. 1, 1991, p. 68-73. Publicado por Wayne State University Press). No século XIX Mary Frere recolleu a devandita lenda da tradición oral do sur da India (Old Deccan Days or, Hindoo Fairy Legends Current in Southern India. Collected From Oral Tradition. Capítulo VI, Little Surya Bai. Londres, J. Murray, 1868. Dispoñiible en liña en http://www.sacred-texts.com/hin/odd/odd00.htm).
  6. Gaunt, Simon. Linguistic Difference, the Philology of Romance, and the Romance of Pholology, en A Sea of Languages: Rethinking the Arabic Role in Medieval Literary History editado por Suzanne Conklin Akbari e Karla Mallette. University of Toronto Press. 2013. ISBN 978-0-8020-9868-9.