O Foro de Avilés (en asturiano Fueru d'Avilés) é un documento do ano 1086, a través do cal o rei Afonso VI de Castela deu á vila de Avilés privilexios políticos, económicos e comerciais. Está considerado xunto co Documento de Kesos o primeiro documento escrito en asturiano, e é o primeiro documento xurídico nesta lingua e o máis antigo de Asturias. O foro foi confirmado polo rei Afonso VII, neto de Afonso VI, en 1155, no que supuxo o nacemento da cidade de Avilés.[1]

O foro foi dado por Afonso VI mentres era monarca do reino de Castela. En Avilés existían asentamentos humanos xa desde a romanización. O foro de Avilés daba á poboación a categoría de vila de reguengo, e ao longo da Idade Media apoiou sempre á coroa, a quen pagaba impostos. Avilés non foi nunca feudo nin tivo outro tribunal competente que non fosen os reais.

O documento serviu para o desenvolvemento económico da poboación, converténdoa na primeira vila do vello Reino de Asturias e un dos principais peiraos da Europa atlántica da época. Tras a ratificación do foro iniciouse a construción da muralla da cidade, e co impulso do seu novo status a cidade converteuse na segunda de Asturias.[1]

Ramón Menéndez Pidal calificouno como un dos documentos medievais máis importantes polo seu valor lingüístico. No arquivo municipal da vila consérvase unha copia de 1289 da confirmación feita por Afonso VII.

Notas editar