Fonte do Ídolo
A Fonte do Ídolo é un monumento romano da cidade de Braga, en Portugal. Localízase na Rúa do Raio, na zona central da cidade.
Historia
editarA cidade romana de Bracara Augusta foi fundada arredor do ano 16 a.C, na época de Augusto, sobre unha antiga oppdida que servira de capital aos brácaros, un pobo galaico que gobernara de forma autónoma aquela rexión antes da chegada de Roma. No Imperio, xeralmente tolerante en materia relixiosa, permitíase o culto a divindades locais, alén dos deuses estritamente romanos. A Fonte do Ídolo insírese nese contexto, sendo un santuario dedicado a unha dinvindade local chamada Tongoenabiago, -se ben algúns autores cren que este nome podería aludir á deusa Navia ou Nabia (tongoe-nabia-ago)-, que nun caso coma no outro, amosa estar asociada a cursos de auga.
Posibelmente construída no século I d.C, A Fonte do Ídolo consiste nunha fonte de auga con inscricións e figuras esculpidas nun afloramento natural de granito. Nunha inscrición pode lerse o seguinte: CE]LICUS. FRONTO ARCOBRIGENSIS AMBIMOGIDUS FECIT, isto alude ao promotor da fonte, de nome Célico Fronto, natural de Arcóbriga, e talvez co cargo de Ambimogido. Preto desa inscrición encóntrase unha figura vestida cunha toga, que podería representar o dedicante, é dicir a Célico Fronto. Ao carón, sobre a fonte de auga, atópase outra figura esculpida: un busto, erodido, dentro dun nicho de perfil clásico cunha figura no frontón. Preto desa figura existe tamén outra inscrición co nome do dedicante e o nome da divindade Tongoenabiago, que probabelmente está representada pola figura do nicho. Preto da fonte foron tamén descubertos vestixios arquitectónicos que indican que o santuario pode ser parte dun templo.
A Fonte do Ídolo é o único monumento romano de Bracara Augusta que sobrevive intacto até os nosos días, sendo moi importante polas informacións que fornece sobre o culto relixioso que os galaicos aínda profesaban na época romana.
O 6 de xuño de 1910 o sitio foi clasificado como Monumento Nacional de Portugal.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fonte do Ídolo |