Fokker Spin
O Fokker Spin foi o primeiro avión fabricado polo pioneiro da aviación neerlandés Anthony Fokker. Os moitos arames tensores que tiña fixeron que o avión se asemellase a unha araña xigante, de aí o seu nome (Spín é araña en neerlandés).
Fokker Spin | |
---|---|
![]() Anthony Fokker no seu Spin | |
Tipo | avión experimental |
Fabricante | Fokker |
Deseñado por | Anthony Fokker |
Primeiro voo | 1910 |
Introducido | 1910 |
Unidades construídas | 25 |
Fokker, mentres estudaba en Alemaña, fabricou o Spin en 1910 xunto con Jacob Goedecker e o seu socio financeiro Franz von Daum, que mercou o motor. O avión comezou como un deseño experimental para proporcionarlle a Fokker un medio para experimentar o seu interese por voar. O primeiro Spin resultou destruído cando von Daum voou con el contra unha árbore, pero o motor puido ser salvado e usouse na segunda versión do avión.
A segunda versión fabricouse pouco despois, e nel o propio Fokker aprendeu a voar e gañou a súa licenza de piloto. Este exemplar tamén sufriu danos irreparables a mans de von Daum.
No terceiro modelo, Fokker fíxose famoso no seu país por voar ao redor da torre da igrexa de Sint-Bavokerk, en Haarlem, o 31 de agosto de 1911. Ampliou a súa fama o feito de que esa data era o aniversario da raíña Guillermina. Tras o seu éxito fundou unha fábrica de avións e unha escola de voo en Berlín. Alí, desenvolveu os M.1, M.2, M.3 e M.4 para o exército alemán, baseados no Spin.
O M.1 era un monoplano de dúas prazas, e unhas poucas unidades fabricáronse como o M.3. Voou por vez primeira en 1911, e cara 1913 foi transferido ás escolas de aviación militar. O M.2 foi a verdadeira versión militar do Spin. O avión tiña un motor Argus ou Mercedes de 100 cabalos, e era capaz de acadar os 97 km/h. Os dez M.2 pedidos por 299.880 marcos incluían des camións 10 Daimler para trasladar os avións co exército, polos plans do Estado Maior alemán do momento. O M.2 era un avión moito máis refinado cunha fuselaxe aerodinámica, realizando o seu primeiro voo en 1912. O M.4 desenvolveuse a partir do M.3, e incluía unha roda no morro.
De 1912 a 1913 fabricáronse un total de 25 Fokker Spin (incluíds uns poucos biprazas), usados principalmente para o adestramento de pilotos.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/34/Fokker_Spin.jpg/220px-Fokker_Spin.jpg)
Un dos derradeiros Spin foi mercado por Fokker e levado aos Países Baixos tras a primeira guerra mundial. Estaba incompleto e foi reconstruído a principios dos anos 20. Durante a segunda guerra mundial o avión foi levado a un museo aeronautico de Berlín como trofeo de guerra dos alemáns que ocuparon o país. Tras a guerra foi levado a Polonia. En 1986 regresaría aos Países Baixos onde foi restaurado. Un segundo Spin supervivente foi fabricado polo persoal de Fokker en 1936 para conmemorar o 25 aniversario do primeiro voo de Anthony Fokker. Ámbolos dous atópanse no museo aeronáutico Aviodrome, no aeroporto de Lelystad.
Construción
editarA súa fuselaxe está formada sinxelamente por dúas trabes de madeira estre as que se sentaba o piloto, e que levaban na súa parte dianteira un motor Argus de catro cilindros e refrixerado por auga. Os radiadores foron colocados no lateral da fuselaxe. As ás e a cola consistían en dous tubos de aceiro coas costelas de bambú. A tren de aterraxe tamén foi construída con tubos de aceiro. Toda a estrutura mantíñase unida con arame de aceiro. Versións posteriores tiñan unha fuselaxe máis aerodinámica.