Federico Landrove Moíño
Federico Landrove Moíño, nado en Ferrol o 31 de xullo de 1883 e finado en Segovia o 6 de xuño de 1938, foi un profesor e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de xullo de 1883 Ferrol, España |
Morte | 6 de xuño de 1938 (54 anos) Segovia, España |
Causa da morte | insuficiencia renal |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Partido Socialista Obrero Español 8 de decembro de 1933 – 5 de novembro de 1934 Lexislatura: II lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Valladolid | |
Alcalde de Valladolid | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | político, mestre |
Membro de | |
Familia | |
Fillos | Federico Landrove López |
Nai | Hipólita Moíño |
Traxectoria
editarFillo de Gerardo Landrove Timiraos e Hipólita Moíño. Estudou en Ferrol e logo de aprobar as oposicións ao Maxisterio foi destinado a Bilbao. Ingresou na Escola Superior do Maxisterio, onde realizou os estudos de Ciencias e ao rematar foi nomeado profesor de matemáticas da Normal de Maxisterio de Valladolid en abril de 1911. Durante a ditadura de Primo de Rivera foi suspendido de emprego e soldo logo dun rexistro policial no seu domicilio, onde se encontrou un paquete con follas clandestinas publicadas en Madrid. Abríronlle expediente disciplinario pero despois das declaracións dos seus compañeiros de claustro e dos estudantes, levantáronlle a sanción. Foi concelleiro delegado de ensinanza no concello de Valladolid entre 1917 e 1920 e candidato do PSOE nas eleccións a deputados provinciais de 1923, pero non foi elixido.
Despois das eleccións municipais do 12 de abril de 1931 foi elixido alcalde de Valladolid, ocupando o cargo ata xaneiro de 1932, cando foi substituído por Antonio García Quintana. Foi delegado do Goberno na Mancomunidad Hidrográfica do Douro e Director Xeral de Ensinanza Primaria, substituindo a Rodolfo Llopis, de maio a agosto de 1933.[1] Foi candidato do PSOE por Albacete, Oviedo e Valladolid nas eleccións xerais de 1933, sendo elixido deputado por Valladolid. Formou parte das comisións de Instrución Pública e de Estatutos. En novembro de 1934 renunciou á acta de deputado por unha grave enfermidade.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 3 de agosto xunto co seu fillo, Federico Landrove López. Xulgados en consello de guerra o día 10, foron condenados, o seu fillo a morte e el a trinta anos de reclusión. Logo de permanecer uns meses na cadea de Valladolid, foi trasladado ao Forte de San Cristovo de Pamplona.[2] Alí contraeu unha grave enfermidade renal polo que foi trasladado ao hospital penitenciario de Segovia, onde finou o 6 de xuño de 1938.
Notas
editar- ↑ La Voz de la Verdad, 5-8-1933, p. 6.
- ↑ "Landrove Moíño, Federico". Los presos del penal de Ezcaba.