Falacia intencional

Falacia intencional é un termo literario que tenta pór de manifesto o erro que se comete ao criticar ou xulgar unha obra literaria tentando descubrir cal era a intención do autor e se a logrou ou non.

Historia e características editar

Desde a década de 1920 a crítica literaria tende a insistir en que todo, a parte da obra literaria en si, é irrelevante para o coñecemento da propia obra. Este punto de visto é moi notábel na crítica de I. A. Richards e T. S. Eliot durante esa década e dos Novos Críticos Americanos nos anos 40 e 50. O termo de "falacia intencional" utilizárono por vez primeira W.K. Wimsatt e Monroe Beardsley en 1946 no seu influente ensaio A falacia intencional. A noción da "intención do autor" deveu central na crítica literaria moderna.

Afirman que un poema non lle pertence ao autor e tampouco ao crítico. Sepárase daquel ao ser concibido e inicia unha vida propia alén do seu poder de controlalo ou de imporlle un significado. O poema pasa a pertencerlle ao público.

Suxiren que, mesmo cando se teñen as afirmacións do propio autor sobre a súa intención (como diarios, ensaios propios etc.), o texto significa só o que di. Se un autor se erguese da tumba e dixese "Iso non é o que eu quería dicir", os Novos Críticos respostaríanlle "Mais é o que dixeches, así que é o que significa".

Á hora de escribir, o autor emprega o seu coñecemento do mundo e da lingua. Mesmo a fantasía máis escapista ten relación con certa comprensión compartida no lector para poder ser comprendida. O lector debe poder activar a súa comprensión do mundo e da lingua para poder tirarlle un significado á obra. As obras literarias, polo tanto, parten de comprensións do mundo determinadas, que son diferentes no autor e no lector. Debido a esas diferenzas, o significado tirado polo lector só pode ser aproximado do que tencionaba o autor e só aproximado do tirado por outros lectores. Ademais, nin o autor nin o lector son conscientes das peculiaridades inherentes á súa comprensión da realidade.

Por exemplo, unha obra escrita após a segunda guerra mundial pode mostrar puntos de vista habituais na época, como prexuízos contra os alemáns ou os xaponeses. Un lector moderno podería estar en desacordo con eses prexuízos e atopar significados novos ao examinar como matizan a obra. Para a crítica moderna, este significado novo non é unha simple rareza, senón un método valioso de obter unha nova visión sobre a obra.

Na teoría da deconstrución afírmase que, mesmo se o autor expresa as súas intencións sobre o significado dunha obra, ese significado non goza de ningún privilexio sobre outras interpretacións.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar