Estadio El Sadar

(Redirección desde «Estadio Reyno de Navarra»)

Coordenadas: 42°47′48″N 1°38′13″O / 42.796667, -1.636944

O Estadio El Sadar (coñecido como Reyno de Navarra entre 2005 e 2013 por motivos publicitarios[1]) é un estadio situado en Pamplona (Navarra), onde xoga como local o Club Atlético Osasuna.

El Sadar
Datos
LocalizaciónPamplona, Navarra Navarra
España España
Nomes antigosReyno de Navarra (2005–2013)
Construción
Inauguración2 de setembro de 1967
ArquitectoTomás Arrarás
Custo61 000 000 ptas
Estadio
SuperficieCéspede
Dimensións105 x 67,5
Capacidade23.576
PropietarioCA Osasuna
LocalíaCA Osasuna

Historia editar

O estadio, inaugurado o 2 de setembro de 1967, ten unha capacidade máxima de 19.800 persoas, todas sentadas (no seu día tivo un aforamento de 30.000 persoas aínda que a maioría eran localidades do montón). As dimensións do campo son 105 metros de longo e 67,5 de ancho. Foi remodelado en 1989 coa construción da Tribuna de Preferencia Alta.

En 1998 acolleu a primeira tenda oficial do club, e o 29 de maio de 1999 inauguráronse as oficinas na parte traseira do estadio, situadas anteriormente na Plaza del Castillo de Pamplona. En xaneiro deste ano instalouse un videomarcador no ángulo norte, e o 13 de novembro inaugurouse a nova sede social e a sala de xuntas.

Na tempada 99-00 instaláronse dous restaurantes no exterior do estadio, e a sala de prensa cambiou de localización.

Na tempada 02-03 estreáronse novas cabinas de prensa, que foron recolocadas na zona máis alta do estadio, e a antiga zona transformouse en localidades VIP. Tamén se instalou un novo túnel de vestiarios telescópico, e no exterior montáronse dúas lonas con imaxes osasunistas.

Máis adiante, ampliáronse as oficinas coa construción de tres novos despachos e unha nova sala de reunións, e o 14 de maio de 2003 inaugurouse un local para a Federación de Penas Osasunistas. No verán acometeuse unha remodelación total da bancada, alzando a parte baixa case 2 metros do céspede, retirando o mítico valo de separación co terreo de xogo, mellorando así a visibilidade do campo. Ampliáronse as bandas e os fondos, e os vellos bancos substituíronse por uns modernos de metacrilato. Instaláronse novos videomarcadores en cada fondo, e ademais inaugurouse a nova sede da Fundación Osasuna na fachada do estadio.

Desde a súa inauguración ata finais de 2005 recibiu o nome de Estadio de El Sadar en honra ao río Sadar que atravesa a capital navarra moi preto do estadio. A partir de 2006 cambiou o seu nome polo de Reyno de Navarra, tras alcanzar Osasuna e Goberno de Navarra un acordo de patrocinio mediante o cal Osasuna recibiría 1,5 millóns de euros durante tres anos. Reyno de Navarra é a marca creada polo Executivo foral para promocionar o turismo en Navarra. Un partido entre a selección de Navarra e a selección da China, disputado o 29 de decembro de 2005, foi o primeiro partido que acolleu o estadio coa súa nova denominación.[2]

En decembro de 2006[3] o club propuxo un ambicioso proxecto de reforma do estadio, consistente en derrubar as 4 esquinas para construír novos palcos, oficinas e locais comerciais, a derriba da anticuada cuberta para ser substituída por outra que mellore a visibilidade do campo e evite as pingueiras, a construción de novos boxes privados e a total reforma da fachada e do aspecto interior e exterior do estadio. O club ten a intención de pagar as obras cos beneficios que adquirirá do alugamento de oficinas, locais comerciais e boxes. A reforma debe ser aprobada polo concello de Pamplona.

O día 4 de maio de 2008, por primeira vez na historia, un equipo proclamábase campión da Primeira División Española no Reyno de Navarra, era o Real Madrid, que gañou por 1-2.

Notas editar

  1. Adeus ao nome Reyno de Navarra
  2. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de decembro de 2009. Consultado o 14 de marzo de 2010. 
  3. O novo Reyno de Navarra Arquivado 14 de marzo de 2007 en Wayback Machine. Deportes de Navarra.

Ligazóns externas editar