Satrapía de Capadocia

Capadocia (do antigo persa Katpatuka) foi unha satrapía (provincia) do Imperio Aqueménida para administra-las rexións máis aló das montañas Tauro e o río Éufrates.

Satrapía de Capadocia no imperio aqueménida

A satrapía editar

A satrapía pertenceu ao terceiro distrito de imposto e pagaba un estimado 360 talentos cada ano de tributo. O primeiro sátrapa (gobernador) de nome coñecido foi Ariaramnes, quen gobernou ao principio do reinado de Darío o Grande. Os seus sucesores son descoñecidos, a pesar de que Gobryas, un irmán de Xerxes I, gobernou o territorio polo 480 a.C.

Durante o reinado de Artaxerxes II, Capadocia foi dividida: entre Paflagonia e a Capadocia propiamente. Nesta última, Datames (denominación abreviada de Datamitra) converteuse no seu sátrapa; participou con outros sátrapas nunha revolta contra Artaxerxes II, mais foi asasinado no 362 a.C.[1] Tralo asasinato de Datames (no 362 a.C.), posiblemente durante o ascenso de Artaxerxes III (358-338 a.C.), e como resposta ao poder que Datames acumulara durante o seu goberno e para mellorar a eficacia da administración,[2] Capadocia foi dividida en dúas satrapías, unha a parte costeira do norte, que chegará a ser incorporada ao reino do Ponto, e a Capadocia do sur.[3][4]

O derradeiro sátrapa da Capadocia do sur no imperio aqueménida foi Mitrobuzanes que morreu no 334 a.C., loitando contra o invasor Alexandre o Grande, na batalla do río Gránico. Este, nomeou a Abistamenes (chamado Sabictas para os gregos)[5] no seu sitio para remprazalo[6] pero non puido establecer a súa autoridade sobre este novo territorio conquistado e desapareceu, posteriormente, na escuridade.

A Capadocia do norte, seguiu a ser un punto importante da resistencia aqueménida e tamén foi usada como proba para unha campaña para conseguir conquistar Anatolia occidental[2] e foi gobernada por Ariarates I do 340 a.C até o 331 a.C. Estivo á fronte da defensa do territorio contra a invasión macedonia de Alexandre o Grande, e loitou tamén na batalla de Gaugamela con Darío III, o derradeiro rei aqueménida. Coa desaparición do imperio aqueménida, Ariarates seguiu a loitar contra Alexandre e creou o Reino de Capadocia, establecendo a dinastía Ariátida. Finalmente foi capturado e, posteriormente, executado polo xeneral macedonio Pérdicas, que tivo que intervir, no 322 a.C., para que Eumenes de Cardia puidera anexionar o territorio.[7]

Sátrapas de Capadocia (c. 380–331 a.C.) editar

Notas editar

  1. "Ariobarzanes I". livius.org (en inglés). 27-4-2019. Consultado o 29-7-2019. 
  2. 2,0 2,1 Weiskopf (1990), pp. 780–786
  3. Schmitt (1994), pp. 115–117
  4. Estas partes do norte e do sur foron tamén respectivamente coñecidas como Capadocia Póntica ou Capadocia Maior,e Capadocia Táurica
  5. Bosworth (2005), p. 62
  6. Flavio Arriano, Anábase de Alexandre o Grande (2.4.2)
  7. Bosworth (2005), p. 207

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar