O neno de Taung é un fósil do rostro e mandíbula co dentame e parte do cranio fosilizado dun exemplar de Australopithecus africanus.

Neno de Taung

Descubriuno M. de Bruyn, un traballador da Northern Lime Company nunha canteira de pedra en Taung, Suráfrica. Raymond Dart, un anatomista da Universidade de Witwatersrand analizouno e publicou a súa descuberta en Nature en 1925, Dart consideraba que aínda que gran parte dos seus trazos eran os propios dun simio, os restos amosaban tamén algúns trazos propios dos homínidos, dos que o máis importante era que o foramen magnum (occipital) localízábase debaixo do punto medio do cranio, e non cara a atrás como nos simios, o que indicaba que era bípede, ademais o dentame presentaba unha estrutura humana, cos dentes caninos relativamente pequenos. A comunidade científica da época criticou durantemente as conclusións de Dart, xa que era moi diferente aos restos fósiles atopados ata entón, e sobre todo ao home de Piltdown (que só se sabería que era unha fraude en 1953); ademais, na época pensábase que a orixe da humanidade estaba en Asia, a pesar de xa Darwin afirmar en 1871 que a orixe da humanidade estaba en África. Tan só co descubrimento de máis adultos da especie por Robert Broom e outros entre 1936 e 1947, as teorías de Dart serían recoñecidas pola comunidade científica internacional.

O neno de Taung tería unha idade de tres anos no momento da súa morte, hai 2'5 millóns de anos. O seu cerebro era de 405 cc (440 cc de chegar a adulto) e o seu hábitat era o propio da sabana.