José Tragó y Arana, nado o 25 de setembro de 1856 en Madrid e finado na mesma cidade o 3 de xaneiro de 1934, foi un pianista e compositor español.

José Tragó
Nacemento25 de setembro de 1856
 Madrid, España
Falecemento3 de xaneiro de 1934 (76 anos)
 Madrid, España
NacionalidadeEspaña
Educado enReal Conservatorio Superior de Música de Madrid
Instrumento(s)Piano
IrmánsNicolás Tragó y Arana
Na rede
iTunes: josé-tragó Musicbrainz: db10a7b4-f79e-49ef-b329-ca5bfd3c3068 IMSLP: Category:Tragó,_José Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

José Tragó naceu o 25 de setembro de 1856 en Madrid. Iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio de Madrid, estudando piano con Eduardo Compta e harmonía con José de Aranguren.[1] En 1870 gañou o primeiro premio de piano do Conservatorio.[2]

Logo de finalizar a súa formación na capital de España trasladouse a Francia para perfeccionar os seus estudos, obtendo o segundo premio do Conservatorio de París en 1876 e primeiro premio o ano seguinte. Alí estudou co que fora discípulo de Chopin, Georges Mathias, e presentouse na sala Pleyel en 1880, e posteriormente aparecería como concertista nas principais salas de España e Francia, colaborando tamén con salientables artistas como Pablo Sarasate ou Fernández Arbós. Así mesmo, foi nomeado pianista de cámara da raíña Isabel II de España.[1][2]

De volta en España foi o intérprete dos primeiros recitais de piano que se celebraron no Salón Romero de Madrid en 1894 e 1895, chamados Sesiones de Música Clásica de Piano.[2]

A partir de 1886 volcouse por completo no ensino dende a súa cátedra no Conservatorio de Madrid, de feito moitas das súas obras, como Tarantela e Zortzico, teñen un marcado carácter didáctico.[1] No conservatorio madrileño impartiu clase ata a súa xubilación en 1928. Durante a súa etapa como mestre tivo como alumnos a Manuel de Falla, Joaquín Turina, Julia Parody, Enrique Aroca ou Carmen Pérez.[2]

En 1889 fundou a "Sociedad de Música Clásica Di Camera" xunto co violinista Fernández Arbós e o violonchelista para difundir a música de cámara, especialmente o seu repertorio contemporáneo. Tamén formou parte na mesma época da Sociedad de Cuartetos de Madrid en dúas etapas distintas, finalizando a súa vinculación coa sociedade na súa última tempada en 1894.[2]

Foi membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando dende 1907.[2]

O 3 de xaneiro de 1934 morreu en Madrid aos 76 anos.[1]

Obra editar

A súa traxectoria como compositor é a menos coñecida. O seu catálogo, composto de obras para piano, para canto e piano, e obras para solfexar, está composto por 15 composicións, principalmente formas breves para piano de salón, sexan danzas ou obras de inspiración popular.[2]

Cómpre salientar a súa colección Escuela de Piano, integrada por 14 volumes e con carácter didáctico, na que presenta obras pianísticas doutros autores, ordenadas, anotadas e dixitadas por Tragó. Esta colección foi editada para ser empregada como libro de texto no plano de estudos do Conservatorio de Madrid.[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Benavides, Ana. "José Tragó y Arana" (en castelán). Real Academia de la Historia. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "José Tragó y Arana (1856-1934) pianista y compositor español" (en castelán). dialnet.unirioja.es. Consultado o 23 de maio de 2021.