Fusil de francotirador

O fusil de francotirador é un tipo de arma de fogo de precisión, que permite o disparo a obxectivos a moi longa distancia. A súa utilización é habitual tanto en exércitos como en corpos policiais de todo o mundo.

O M40, do Corpo de Marins dos Estados Unidos é un fusil de francotirador estándar.
Imaxe dun fusil de francotirador Accuracy International Arctic Warfare.

Un fusil de francotirador típico busca a maior precisión posible no disparo, para o que vai equipado cunha mira telescópica e utiliza munición específica para a arma que permite alcanzar longas distancias sen perder precisión de tiro. O termo adóitase utilizar para facer referencia a calquera arma de fogo de precisión cunha mira telescópica que poida ser utilizada contra obxectivos humanos. O fusil en si pode ser un normal, pero ao engadirlle a mira telescópica convértese nun fusil de francotirador.

O papel militar do francotirador remóntase ao século XVIII, aínda que o tipo de fusil específico de francotirador é un desenvolvemento moito máis recente. Os avances tecnolóxicos, e en especial o da mira telescópica, así como a maior precisión na fabricación das armas modernas, permitiron aos exércitos crear equipamentos específicos para soldados adestrados como francotiradores. Os novos fusís permitiríanlles alcanzar con precisión obxectivos a distancias moito maiores en comparación cos fusís de infantaría normais.

Historia editar

Na Guerra de Secesión sábese que as tropas Confederadas montaban miras telescópicas no fusil británico Whitworth (un dos máis modernos da época) e que chegaron a matar a oficiais da Unión a distancias insospeitadas até a data, de máis de 800 iardas.[1][2][3][4]

Por outra banda, os primeiros fusís de francotirador eran pouco máis que fusís militares estándar equipados con miras telescópicas, deseñadas para o seu uso en disparos distantes. Só ao comezo da primeira guerra mundial comezaron a aparecer fusís especialmente adaptados para este uso, sendo un dos primeiros o SMLE Mk III* (HT).

Durante a época da segunda guerra mundial os fusís de francotirador eran normalmente fusís estándar modificados para unha maior precisión, equipados cunha mira telescópica de 4x e un apoio para colocar o fusil sobre o peito. O mango do ferrollo estaba dobrado cara a abaixo, para que non interfira coa montaxe da mira telescópica.

A finais da guerra, as tropas de ambos os bandos contaban con soldados especialmente adestrados e equipados con fusís de francotirador. Este tipo de soldados xogou un papel cada vez máis importante nas operacións militares desde entón.

Características editar

 
Francotirador cun fusil Barrett M82.

En comparación con outras armas, distínguese polo seu elevado nivel de precisión grazas ao seu mecanismo interno deseñado para este fin. Trátase dun produto capaz de realizar un disparo certeiro a un obxectivo situado, mesmo, por encima de 2000 metros de distancia, dependendo de diversos factores, para o que se elabora con pezas de alta calidade. Búscase ademais que sexa unha arma equilibrada, cun peso medio ao redor de entre 5 e 6 kg dependendo do modelo, marca etc.[5]

Nos últimos tempos converteuse nunha arma fundamental para os francotiradores, tanto no campo de batalla como para o desenvolvemento de labores policiais.

Polo xeral e para comodidade do usuario, debe poder adaptarse ao corpo do tirador, algo que se consegue grazas a unha culata e a un bípode axustables. Para lograr que o tirador visualice o seu obxectivo a tan elevada distancia é necesario incorporar unha mira telescópica ademais dalgúns accesorios máis; con todo, por motivos tradicionalistas, adóitase a prescindir de todo aquilo que non aumente a precisión do fusil por consideralo unha molestia ou un estorbo.

Existen dous tipos de fusís de francotirador: semiautomáticos e de ferrollo (acción manual).

Fusís semiautomáticos

Os fusís semiautomáticos empréganse para tarefas que requiren dunha cadencia de lume maior que os fusís de ferrollo, pero a distancias que non superen os 800 a 900 metros. Son usualmente empregados polos tiradores designados, os cales adoitan seguir ao pelotón incrementando o rango de tiro efectivo. Fusís deste tipo son o HK PSG-1, o M14 DMR, o M21 SWS, o SR-25, o H&K MSG-90, o Walther WA 2000, entre outros.

 
Tirador designado dos EEUU co fusil semiautomático m14 DMR.
Fusís de recarga manual (de ferrollo)

Os fusís de recarga manual empréganse en espazos abertos e cunha boa visibilidade, pois son os máis precisos neste ámbito, xa que polas súas características, como o emprego do antigo mecanismo de ferrollo, permiten unha mellor precisión en disparos a longa distancia, superando os 800 metros e chegando a poder acertar nun branco a 2.000 metros. A súa baixa cadencia de lume non permite que sexan usados en espazos pechados ou naqueles nos que a visibilidade é mala ou case nula. Exemplos deste tipo de fusís son o Remington 700, o AMP TS DSR-1, o Steyr SSG, a AI Arctic Warfare/L96a1 etc.

Unha técnica empregada polas forzas armadas ou de seguridade é agrupar nunha parella un destes fusís cun de asalto para conseguir unha maior cadencia de tiro e seguridade á hora de efectuar as súas misións.

Clasificación editar

Os fusís de francotirador modernos pódense, xeralmente, dividir en dúas clases principais: militares e policiais.

Fusís militares editar

 
Equipo de francotiradores do Corpo de Marines dos Estados Unidos cun fusil M24 durante un adestramento de tiro.

Os fusís militares adoitan sacrificar un pequeno grao de precisión en prol da durabilidade, a fiabilidade e a facilidade de manexo en condicións de guerra. Ademais, os francotiradores a miúdo deben cargar cos seus fusís na batalla, así como outro equipamento, e durante longas distancias, polo que é moi importante o peso da arma. As organizacións militares adoitan tamén operar a miúdo baixo importantes restricións orzamentarias, o cal tamén ten o seu efecto no tipo e calidade de fusís que poden adquirir.

Fusís policiais editar

Os escenarios nos que se utiliza o fusil de francotirador no ámbito policial teñen uns requirimentos distintos que en usos militares. Os francotiradores especiais da policía normalmente requiren disparar a un lugar concreto do corpo do agresor, normalmente na cabeza. Por esta razón, os fusís que utilizan normalmente requiren unha maior precisión que os militares, pero en distancias máis curtas, normalmente menores que os 100 metros.

Algúns dos primeiros exemplos de fusís de francotirador deseñados especificamente para os requirimentos policiais foron os que se fabricaron para a policía de Alemaña Occidental tras o Masacre de Múnic dos Xogos Olímpicos de 1972. Un dos fusís deseñados baixo estes criterios é o HK PSG-1, e a miúdo faise referencia a el como o exemplo ideal deste tipo de fusil. O FN Special Police Rifle é outro exemplo de fusil deseñado para usos principalmente policiais.

Comparado cos fusís militares, os policiais son máis pesados e teñen unha lonxitude máis curta para favorecer a manobrabilidade en áreas urbanas. Son máis precisos e máis caros, dado que os orzamentos policiais a miúdo permiten maiores gastos en fusís de francotirador.

Notas editar

  1. "Snipers in History". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2005. Consultado o 27 de novembro de 2015. 
  2. "Whitworth Rifle No. C529". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2010. Consultado o 27 de novembro de 2015. 
  3. "Whitworth Sharpshooter Rifle". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2011. Consultado o 27 de novembro de 2015. 
  4. Artillery of the Civil War[Ligazón morta]
  5. The Ultimate Sniper: an Advanced Training Manual for Military and Police Snipers, Maj. John L. Plaster, 1993.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar