A anagnórise ou recoñecemento (do grego antigo ἀναγνώρισις, recoñecemento) é un topos clásico da trama narrativa e, en particular, do teatro consistente en que un personaxe, após unha cadea máis ou menos complexa de vicisitudes, é recoñecido por outros (ou se dá conta el mesmo) na súa verdadeira identidade.

A anagnórise aparece mencionada na Poética de Aristóteles e foi moi usada na comedia latina e no teatro barroco (Tirso de Molina, Calderón de la Barca, Shakespeare). Un caso sería o de dous irmáns, separados por un naufraxio, que se atopan anos máis tarde, a punto de casar con alguén do contorno do outro. Edipo é un paradigma de recoñecemento tráxico, pois mata o seu pai e casa coa súa nai.