O enteroglicagón é unha hormona peptídica derivada do precursor proglicagón secretada polas células EG (ou L) da mucosa intestinal da parte terminal do íleo e no colon. O enteroglicagón libérase despois da inxestión dunha comida mixta de carbohidratos e lípidos, e retarda o baleiramento gástrico.[1]

En realidade, co termo enteroglicagón podemos referirnos a un conxunto de péptidos derivados do proglicagón (PG), péptido longo do que se orixina o glicagón no páncreas, e que pode ser procesado orixinando distintos péptidos. Do proglicagón producido nos intestinos derivan varios péptidos como a glicentina (PG 1-69), oxintomodulina (PG 33-69), polipéptido pancreático relacionado coa glicentina (GRPP, PG 1-30), péptido similar ao glicagón 1 (GLP-1, PG 78-107 amida); péptido intermedio 2 (IP-2, PG 111-122 amida); e o péptido similar ao glicagón 2 (GLP-2, PG 126-158), pero só GLP-1 e, en menor medida, a oxintomodulina probaron ter efectos biolóxicos [2].

A oxintomodulina pode unirse con baixa afinidade aos receptores do glicagón, polo que produce os mesmos efectos ca este (aumenta a glicosa) e ás veces denomínase especificamente a este composto enteroglicagón.[3]

O GLP-1, aínda que deriva tamén do proglicagón, ten efectos contrarios ao glicagón, xa que é a hormona insulinotrópica máis potente coñecida. Inhibe a secreción de glicagón e, por tanto, fai diminuír a glicosa sanguínea, e inhibe a motilidade e a secreción gastrointestinal. Serve para deter o funcionamento dos tramos superiores gastrointestinais cando hai alimentos sen absorber nos tramos finais (íleo).

Nas ratas os carbohidratos fermentables elevan o enteroglicagón plasmático.[4] Os pacientes celíacos teñen niveis plasmáticos de enteroglicagón basais e posprandiais superiores ao normal.[5] A hiperplasia intestinal eleva os niveis sanguíneos de enteroglicagón [6]

  1. Enteroglucagon definition - Medical dictionary
  2. Holst JJ. Enteroglucagon. Annu Rev Physiol. 1997;59:257-71. [1] PMID 9074764
  3. Definición de enteroglicagón - Oxford dictionary of Biochemistry
  4. J. M. Gee, W. Lee-Fihglas, G. W. Wortley, I. T. Johnson. Fermentable Carbohydrates Elevate Plasma Enteroglucagon but High Viscosity Is Also Necessary to Stimulate Small Bowel Mucosal Cell Proliferation in Rats. Journal of Nutrition (1995) [2]
  5. A F Kilander, G Dotevall, G Lindstedt, P A Lundberg. Plasma enteroglucagon related to malabsorption in coeliac disease. Gut 1984;25:629-635 doi:10.1136/gut.25.6.629 [3]
  6. Lucien R. Jacobs, Stephen R. Bloom, R.Hermon Dowling. Response of plasma and tissue levels of enteroglucagon immunoreactivity to intestinal resection, lactation and hyperphagia. Life Sciences. Vol. 29. Issue 19. 1981. Pages 2003-2007. [4] [5]

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar