Els Setze Jutges

(Redirección desde «Els setze jutges»)

Els Setze Jutges foi un colectivo de cantantes en lingua catalá fundado en 1961 por Miquel Porter i Moix, Remei Margarit e Josep Maria Espinàs. O nome provén dun xogo de palabras presente nos tres territorios de fala catalá do Estado español (Cataluña, Valencia e Illas Baleares): setze jutges d'un jutjat mengen fetge d'un penjat (dezaseis xuíces dun xulgado comen o fígado dun aforcado).

Traxectoria editar

Aparecen coa vocación de impulsar a Nova Cançó e normalizar o uso do catalán no mundo da música moderna. Comezarán cantando cancións propias e versións de cantantes franceses, especialmente de Georges Brassens. Pouco a pouco o seu número irá medrando coa incorporación de novos músicos: Delfí Abella, Francesc Pi de la Serra, Enric Barbat, Xavier Elies, Remei Margarit, Guillermina Motta, Maria del Carme Girau, Martí Llauradó, Maria Amèlia Pedrerol, Joan Ramon Bonet, Joan Manuel Serrat, Maria del Mar Bonet, Lluís Llach e Rafael Subirachs.

Outros artistas, como o cantante valenciano Raimon, estiveron vencellados aos principios teóricos do colectivo, sen chegar nunca a formar parte oficialmente del. Tamén pode resaltarse a influencia que tivo noutros movementos similares como os vascos Ez dok amairu e os galegos Voces Ceibes.

Els Setze Jutges disolveranse coa fin da ditadura e coa progresiva profesionalización dalgúns dos seus membros.

Recoñecemento editar

O 13 de abril de 2007, o grupo de cantantes no seu conxunto recibiu a Medalla de Honor do Parlament de Catalunya, en recoñecemento polo seu labor en favor da cultura e a lingua catalás durante a ditadura. María del Mar Bonet aproveitará a ocasión para denunciar a falta de promoción da canción catalá hoxe en día. Tamén Guillermina Motta se laiará pola tardanza do recoñecemento, resaltando o feito de que dous dos seus membros finaran sen chegar a velo: Miquel Porter en 2004 e Delfí Abella en febreiro dese mesmo ano.